Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TRAE NOVIDADES COMO BITÁCORAS E MICROMOVIES

Nova edición de Curtas na Rede

Calquera persoa maior de 15 anos pode poñerse a facer a súa micromovie co móbil ou un filme de até cinco minutos coa cámara. Os motivos poden ser a mocidade, a emigración, o medio ambiente ou calquera outra temática. Este mércores 14 de febreiro presentouse no Club Internacional de Prensa a segunda edición de Curtas na Rede. Estiveron alí o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, a presidenta do CONXUGA, Mª Dolores Rodríguez Amoroso; o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez González; e o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández Suárez.

- 15:53 14/02/2007
Tags:

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia presentan a segunda convocatoria de Curtas na Rede, unha iniciativa nada co fin de explorar a creatividade de calquera persoa con inquedanzas na creación audiovisual e conxugala cun novo escaparate: internet. Este ano, como indicou o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, engade novos obxectivos: converterse en punto de encontro da creatividade entre Galicia e a comunidade galega do exterior e empregar as redes de internet para estabelecer novas canles de creatividade cultural. Esta convocatoria explora e abre todas as posibilidades e suxestións achegadas no 2006, e afonda en todas elas para presentarse cunhas propostas máis abertas á liberdade creativa. Conta nesta segunda edición coa axuda da Secretaría Xeral de Emigración, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, da CRTVG e o seu programa Onda Curta, do Consorcio Audiovisual de Galicia, pola Compañía R, e Blu:sens.



Como explicou a presidenta do CONXUGA, Mª Dolores Rodríguez Amoroso, o certame mantén a convocatoria aberta a obras inéditas e en galego non superiores aos cinco minutos de duración. Como novidade, este ano hai catro categorías temáticas: mocidade, emigración, medio ambiente, e a sección visións nosas / visións alleas, de temática libre. Ademais, tanto esta última sección como a de emigración admiten traballos presentados en calquera das linguas oficiais do Estado. Ademais,poden participar tamén as micromovies, curtametraxes de duración inferior a 30 segundos realizadas coa cámara do teléfono móbil, un xeito de abrir a participación a persoas que non dispoñan dunha cámara e á xente máis nova. Tamén se abre a convocatoria ás novas tecnoloxías ofrecendo a posibilidade, a cada participante, de crear unha bitácora de rodaxe. Este espazo blog acollería reflexións ou anécdotas relacionadas coa rodaxe, e sería un xeito de dar a coñecer o proceso, e non só o resultado. As persoas que queiran participar (sempre maiores de quince anos) poden enviar as súas obras dende o 14 de febreiro ata o 15 de setembro de 2007. En cada unha das categorías hai tres premios: para persoas de 15 a 22 anos, de 23 a 50, e de máis de 51, dotados cada un con 1.500 €. Este ano prémianse por primeira vez, ademais, a mellor interpretación feminina e masculina, e hai dous premios do público: ao filme e á micromovie máis votados a través de internet (tamén de 1.500 € cada un). Existe tamén un premio de 600 € á mellor bitácora e outro de 300 € que ofrece a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual por sorteo ás persoas inscritas como votantes.

Pola súa banda, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez González, salientou a importancia de brindar a posibilidade de participar á mocidade galega ou descendente de galegos que vive fóra, e de ofrecer a posibilidade da rede como escaparate aberto ao mundo. E o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández Suárez, apuntou tamén á importancia da ferramenta de internet e da comunicación audiovisual como recursos didácticos para a mocidade, de cara á educación ambiental e á sensibilización.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: