Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ITINERARIO LITERARIO: BARCELONA NA LITERATURA GALEGA

Álvaro Cunqueiro: 'Rondeau en louvor d-unha dona catalana'

Para encetar o ano propomos que nos acompañedes ao longo da rúa máis coñecida da cidade condal: Les Rambles. Nesta atópase o Teatre Poliorama, lugar onde o gran poeta galego Álvaro Cunqueiro leu o seu "Rondeau para unha dona catalana...". Por Isaac Lourido Hermida.

Redacción - 22:42 25/02/2007
poliorama

poliorama

Biografía do autor

Álvaro Cunqueiro nace en Mondoñedo en 1911, e fai o instituto en Lugo, cidade onde comeza a súa amizade con Ánxel Fole. En 1927 múdase a Compostela para estudar Filosofía e Letras e alí toma contacto con intelectuais galeguistas da época como Luís Seoane, Carvalho Calero ou Domingo García-Sabell. Afíliase ao Partido Galeguista en 1931, sen desenvolver unha grande actividade política. En 1932 publica o poemario de arrecendo vangardista Mar ao norde, e ao ano seguinte dous libros máis de poesía: Cantiga nova que se chama riveira (de estética neotrobadoresca) e Poemas de si e non (con pegadas do surrealismo). O alzamento militar de 1936 contra a II República sorpréndeo en Mondoñedo; rapidamente muda o carné galeguista polo da Falanxe, e destaca como glorificador do franquismo na prensa oficial da época, sobre todo nos primeiros anos. Creador dun singular macro-texto de resonancias máxicas e lendarias, tanto en lingua galega como en castelán, frecuenta todos os xéneros (incluíndo o xornalismo e a tradución) e manexa rexistros insólitos en cada un deles, converténdose nun dos emblemas da Editorial Galaxia, núcleo do galeguismo cultural durante a ditadura. Algunha das obras que mereceron maior recoñecemento foron as novelas Merlín e familia (1955), Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961) e Un hombre que se parecía a Orestes (Premio Nadal, 1968); os poemarios Dona de corpo delgado (1950) e Herba aquí e acolá (1980), obra que funciona como referente na poesía galega das últimas décadas, e a peza teatral O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1955). Morre en Vigo en 1981, recoñecido pública e institucionalmente.

Comentario do texto

Poema que obtivo o segundo premio no certame literario convocado en 1950 polo Centro Gallego de Barcelona. Foi lido publicamente o 18 de xuño dese mesmo ano na Fiesta Gallega de las Letras, celebrada no Teatro Poliorama da Cidade Condal. Un dos trazos definitorios do polipétalo discurso poético de Cunqueiro é a introdución anovadora de formas, estruturas e xéneros clásicos, sempre manexadas cunha habilidade que lles outorga unha dimensión reveladora na contemporaneidade. O "Rondeau en louvor d-unha dona catalana..." é un exemplo nidio desta práctica. Ao mesmo tempo, na poesía cunqueiriana rastréxanse sempre as pegadas dun caudal literario inmenso e diverso nos sentidos culturais, nacionais e lingüísticos, fundador dunha poética que se basea na (re)escrita dos materiais que consagrou a historia da literatura occidental.

Isaac Lourido Hermida

[Fotos ilustrativas do texto na Galería Fotográfica. Ligazón baixo o texto.]
---

Rondeau en louvor d-unha dona catalana que morreu peleriña en Compostela a onde fora por unha pena de amor

Lema: On és l�anell de la promesa?

O VERSO

No teu corazón xa anoitecen tódo-los veráns do mundo
aínda que as rosas se paren a adeprender o fermosísimo roxo dos teus beizos.
Escoitas ao doce paspallás no amieiral decindo:
On és l�anell de la promesa?

No teu cabelo xa pousan de mansiño as mornas gotas das primeiras chuvias de outono
aínda que as túas trenzas tezan o ouro verde d-avril.
Escoitas na farpa dos teus sonos isa música:
On és l�anell de la promesa?

No teu peito xa o vento arremoíña follas secas da selva catalá,
aínda que na sua neve madurezan duas cereixas blancas.
Escoitas as ondas do mar que dicen vagantías:
On és l�anell de la promesa?

Medra xa a hedra pólos dous lirios de leite das tuas pernas
aínda que o derradeiro paso de danza brinca na frauta do xograr.
Escoitas a don Tristán que morre salaiando:
On és l�anell de la promesa?

ENVIO

As letras do teu nome xa non se poden ler
e pois non te poido chamar anque quixer,
déixame nos teus beizos teus soñares saber.

Soñás acaso, amante, coa branca abelaneira,
ou co cervo que baixa a beber á riveira,
ou co melro que canta seu vagar na roseira,

ou por soñar ti soñas, amante pedra fría,
co-aquil teu corazón, que era sangue algún día,
i-amor, ise nemigo, en chamas alcendías?

On és l�anell de la promesa?

ÁLVARO CUNQUEIRO
© Editorial Galaxia e Herdeiros de Álvaro Cunqueiro

Rexistro bibliográfico

Fiesta gallega de las letras, Barcelona, Centro Gallego de Barcelona, 1950
(Fotocopia na Biblioteca Xeral da USC. Signatura: GA.FOLL.161 3)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: