Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: DAVID PINTOR

Postais de quen viaxa co macuto polícromo

Na Galería Sargadelos de Barcelona colgan, nestes días de primavera acelerada, óleos do artista David Pintor. De sutaque, asalta a tentación de aplaudir a precisión do apelido para quen é o autor das pinturas que penduran nas paredes. E logo sábese que este creador é veterano na xuventude: leva trece anos agochado tras o 50% do dúo Pinto & Chinto. O seu traballo de caricaturista condiciona a súa pintura? A variada obra de Pintor ten na ilustración da illa grega de Santorini un logotipo, e a identidade do traballo arreo. Illa grega que se repensa en óleo, en debuxos, e que por suposto sae no seu portal web. Por Lito Caramés.

Lito Caramés - 09:00 12/03/2007
'Santorini', de David Pintor

'Santorini', de David Pintor

As viaxes sempre teñen algo de ida por volta, de observación exterior e auto-reflexión. A exposición Viaxes, de David Pintor, presenta vintesete cadros, dos que sete son feitos en tinta negra e o resto ao óleo. Nos primeiros destacan os nus femininos e algunha paisaxe, como a do porto de Barcelona. Son estas pezas de trazo áxil, groso, mínimo, con poucas precisións posteriores, incluso como exercicio caligráfico.

As pinturas (dado o título e os temas reflectidos) fan pensar no entusiasmo impresionista de chantar o pequeno cabalete diante o modelo a interpretar. Son obras de pequeno formato, moitas veces entre os 30 e os 50 centímetros, por tanto de fácil transporte, e comezadas e poida que rematadas diante do orixinal. Pezas de quen quere comunicar que chegou, que o lugar é fermoso... Esa comunicación pode ser consigo mesmo. E se por tras levan escrito algunha mensaxe complementaria das vistas expresadas en cores? De entre todas as obras destacan as vistas de sitios mediterráneos e de cidades europeas.

David Pintor é maís coñecido como caricaturista e como ilustrador. Como caricaturista e humorista política traballa co antefaz roedor e arteiro de Pinto & Chinto, en moitos xornais de varias comunidades autónomas, e mormente na Voz de Galicia, onde aparece o seu traballo diariamente. O seu personaxe Tito Longueirón acada grande popularidade e sae reproducido en diversas publicacións. Como ilustrador ten traballado con moitas editoriais: Kalandraka, Biblos, Everest, etc. e con revistas.

Nas pezas que agora se mostran na Galería Sargadelos de Barcelona, a composición e as cores coas que recrea as postais da súa viaxe escoran ao expresionismo. A man ou o pincel captan a paisaxes urbanas de présa, fixando volumes e superficies principais, e desprezando detalles. Ante a vista de Amsterdam ou de Barcelona non se sabe de que xeito o ilustrador e o caricaturista están guiando o pincel. Algúns dos cadros lembran os xeitos de Kirchner, nas liñas, volumes...

Outras veces o interese por premiar os volumes de edificacións, persoas e obxectos, refire as composicións de Cezanne. Tal cousa acontece por exemplo ao comprobar a violencia das cores dos tellados de Santorini, esa illa grega, caleada, onde o sol e a sombra loitan e resolven as súas diferencias en liñas extremas de escuridade e blancura cegadora. A vista de Santorini que colga en Sargadelos e que David Pintor traballou reiteradamente, xa como pintura, xa como ilustración, é unha boa mostra da investigación deste artista. Moi recomendable visitar o seu portal web.

Foto: Santorini, de David Pintor

EXPOSICIÓN: VIAXES, DAVID PINTOR
Galería Sargadelos Barcelona
Provença, 276 Tel.: 93 215 03 68
Horario: de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 h. Até o 23 de marzo


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: