Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Visita oficial a Brasil

Touriño anuncia a creación dun ‘Erasmus’ entre Galiza e América Latina

Fomentarase o intercambio estábel entre estudantes das universidades galegas e sudamericanas dun xeito similar ao do programa europeo.

Redacción - 15:30 17/03/2007
Touriño durante a xuntanza coa comunidade galega en São Paulo

Touriño durante a xuntanza coa comunidade galega en São Paulo

No segundo día da súa visita oficial por Brasil, Emilio Pérez Touriño anunciou a creación desta iniciativa que permitirá “estreitar os lazos” entre as xeracións máis novas a ambos os dous lados do Atlántico.

Nun acto na Sociedade Hispano Brasileira de São Paulo, o xefe do executivo galego sinalou que a vía para conservar os vínculos cos países sudamericanos pasa por ollar ao futuro e apoiar con iniciativas educativas e culturais a mocidade. Segundo o presidente, para que os novos “sexan quen de seguir expresando a galeguidade, de pensar en galego e de pensar en Galiza”.

Valorando a experiencia positiva do papel do programa ‘Erasmus’ na construción de Europa, Touriño subliñou a importancia de poñer en marcha o programa de bolsas de intercambio para os universitarios galegos e iberoamericanos, co obxectivo de “construír un espazo de encontro entre os fillos da Galiza territorial e os fillos da Galiza exterior”.

No mesmo acto o titular da Xunta tamén adiantou que se incrementará “nun 300 por cento” a contía máxima das axudas que se dedican aos galegos no exterior en situación desfavorecida. Segundo Touriño, “antes as axudas máximas eran de 300 euros ao ano e a partir de agora as subimos a 900 euros por ano e o mínimo a 400 euros por ano”.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: