Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
Marisol Formoso, vicepresidenta de Asovessa

Venezuela rexeita actitude española fronte á autodeterminación do Sahara

"Non esperaba menos dos representantes do pobo latinoamericano e caribeño" Así se expresou a vicepresidenta da Asociación Venezolana de Solidariedade co Sahara, ao coñecer do acordo do Grupo Latinoamericano e do Caribe na Unión Interparlamentaria Mundial, onde se exhorta a completar o proceso de descolonización do Sahara Occidental.

Xurxo Martínez Crespo - 10:00 22/03/2007
Tags: sáhara

Ao abeiro da Reunión Extraordinaria do Grupo Latinoamericano e do Caribe (GRULAC) celebrada en Caracas a segunda semana de marzo estiveron delegacións parlamentares de países latinoamericanos e caribeños, o deputado do partido Patria Para Todos (PPT), Grupo Parlamentar Venezolano no Parlatino (Parlamento Latinoamericano), Gustavo Hernández Salazar, propuxo a aprobación dunha resolución para saudar o 31º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática (RASD) na que, ademais, instase ao parlamento do Reino de Marrocos a facilitar o proceso de descolonización do Sahara Occidental, antigo Sahara Español.

Esta proposta, analizada pola plenaria do GRULAC, que foi dirixida polo deputado venezolano Darío Vivas, aprobouse despois dun intenso debate no que participaron parlamentarios de Colombia, Cuba, México e Venezuela.

Vivas, enfatizou que "a problemática do pobo saharaui debería ser discutida no escenario internacional e, xa que logo, este punto será tomado en conta como parte da axenda que expoñerá o GRULAC na Asemblea da Unión Interparlamentaria Mundial a celebrarse en Indonesia".

Esta iniciativa, foi recibida con beneplácito pola vicepresidenta da Asociación Venezolana de Solidariedade co Sahara (ASOVESSA), Marisol Formoso, ONG que recientemente organizou en Venezuela o II Encontro Nacional de Solidariedade coa Causa Saharaui. Afirmou Marisol Formoso que este tipo de accións son as que deben unir ao mundo enteiro e, sobre todo, ao mundo da política, pois "o problema que hoxe persiste no Sahara Occidental converteuse nun conflito que só debe ter solución pola vía política", sentenciou.

Formoso expresou que "non esperaba menos dos representantes dos pobos latinoamericano-caribeños, pois con isto están demostrando que nós acompañamos as causas xustas e, polo tanto, esiximos a liberdade para o Pobo Saharaui".

Por outra banda, criticou a posición do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, quen no recente Cume Hispano-Marroquí realizada en Rabat (Marruecos), deixou en claro o aliñamento do Estado español cos plans autonómicos do Reino de Marruecos en contra do sentir da gran maioría de pobo español. "Este discurso pasou da posición tradicional española, baseada na neutralidade activa, a un apoio ás teses de Marruecos", explicou Formoso.

Acoutou que nestes momentos o goberno español está á marxe da legalidade internacional, debido a que o dereito de autodeterminación do pobo Saharaui foi recoñecido pola ONU, de xeito sistemático, por máis de 40 anos. "Zapatero báixase os pantalóns facendo concesións ao Reino Marroquí", puntualizou.

Para rematar, Formoso sinalou como interesante o feito de que o Cume da Unión Interparlamentaria Mundial se realice en Indonesia. "Nese país viviuse unha situación semellante á que se vive agora no Sahara Occidental. Timor do Leste foi colonia portuguesa ocupada, indebidamente, por Indonesia que logrou a súa independencia hai tres anos grazas á posición responsábel que tivo o seu antigo administrador (Portugal)" e completou o seu comentario ao expresar que "oxalá algún día o Estado español teña o mesmo trato co Pobo Saharaui e recoñeza o seu lexítimo dereito á autodeterminación", concluíu.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: