Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presentación dos alcaldábeis do Partido Popular

Feijoo non quere que os seus candidatos pacten logo das municipais

O Presidente do Partido Popular en Galiza pediulle aos seus candidatos que non pacten con outras forzas se non son a lista máis votada.

Redacción - 16:00 25/03/2007

Alberto Núñez Feijoo asegura que prefire que o seu partido acade “milleiros e milleiros de votos” para gobernar que non “depender dun concelleiro ou dun deputado que perdeu as eleccións”. Neste sentido, o dirixente popular ataca directamente o bipartido cando asegura que “esa é a diferenza entre o PP e outros partido que din que gañaron as autonómicas”.

Durante o acto de presentación dos candidatos do PPdeG que se desenvolveu na mañá do domingo en Santiago de Compostela, Feijoo pediulle aos seus alcaldábeis que asuman o compromiso de non gobernar un municipio se non son a lista máis votada, “xa que isto non é democracia”.

Segundo o dirixente da oposición, a "suma" de BNG e PSdeG na Xunta "resta", porque "non lles achega nada bo" aos galegos. Desta forma, apostou por unha política que "non enfronte" os cidadáns, nin os membros do Goberno galego ao mesmo tempo que defendeu a continuidade das deputacións.

Quere que se clarifique o caso Cacharro

Antes do inicio do acto, Feijoo referiuse ás imputacións do presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro por malversación de fondos públicos. "Non é nada novo, é un tema que leva xa varios anos e é bo que se clarifiquen as cousas", apuntou.

Aínda así, puntualizou que o pagamento de axudas de custo aos tres vicepresidentes e ao ex vicepresidente se baseou en "informes técnicos". "Entendo que o presidente da deputación o único que fixo é seguir os informes técnicos", engadiu Feijoo ao tempo que precisou que se este asunto fose abordado polo Tribunal Supremo dende o principio, "hoxe probablemente xa habería unha sentenza".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: