Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Esta fin de semana...

Relixión, viño, ostras e música clásica

Dende os dramas litúrxicos da Semana Santa até a gastronomía. Os mellores viños en Sober e no Ulla e a Festa da Ostra en Arcade son os plans máis saborosos.

Redacción - 16:47 30/03/2007

Este venres, ademais de felicitarmos ás Lolas que coñezamos, como cómpre nun Venres de Dor, dá comezo a Semana Santa. Sexamos crentes ou non, este venres a mobilidade aumentará espectacularmente ao remate da xornada laboral: a Dirección Xeral de Tráfico prevé 15 millóns de desprazamentos en todo o Estado nesta operación saída. En Galiza hai dificultades na C 100 a Melide, por mantemento da ponte, ao igual ca na PO 250 á altura de Redondela, e en Fornelos, por obras en xeral. As condicións climatolóxicas son boas, pero cómpre andarmos ao xeito.

Xa atendendo ás propostas de lecer, o bo tempo trae canda si as primeiras festas gastronómicas: empezamos con dúas festas dos mellores viños galegos: este sábado en Sober, co viño de Amandi e o domingo en San Miguel de Sarandón, co viño da Ulla. Tampouco son malas datas para gozar da música clásica e antiga: a relixiosidade destes días pónnolo doado para gozar de pezas medievais e dramas litúrxicos de fondo interese para os melómanos.

Para os comellóns

Nesta XXVII edición da Festa do Viño da Ulla, Sarandón vístese de gala un ano máis para gozar do mellor viño da comarca de balde, acompañado por unha boa romaría como é debido, con música, baile e comida. Será ao longo do domingo. E máis viño: desta vez en Verea, no municipio de Sober (Lugo), onde ten lugar a (tamén XXVII) Feira do Amandi. Poderase degustar o froito da Ribeira Sacra mentres se goza de espectáculos como o do dúo cómico Risoterapia, que integran Paco Lodeiro e Carlos Jiménez, á unha do domingo. Haberá paralelamente unha mostra de utensilios tradicionais, doados pola veciña Remedios Feijoo, que será inaugurada no mediodía do sábado. O sábado chega tamén a música, da man das bandas de Sober e Barbadás ás seis da tarde, e ás nove da noite, David Civera, Astarot e Rocío Caamaño.

E a quen lle gusten as ostras, non pode deixar pasar a XXI Festa gastronómica de Arcade na que se degustan estes moluscos. Os Tonechos serán pregoeiros dunhas festas que, ao longo de toda a fin de semana, congregarán na Ría de Vigo aos amantes deste manxar. Ademais de orquestras e lumes de artificio, será inaugurado un monumento ás mariscadoras elaborado por Carlos Tesouro.

Para os devotos (e amantes da música)

O grupo de música antiga 1500 de Compostela dá o concerto "Eamus videre", este venres ás 20.30 na Igrexa ourensá de Santa Eufemia, no que reúne o ciclo da Semana Santa nos cancioneiros do séculos XVI. O 31 de marzo ás 20.00 na igrexa de Santa Maria da Atalaia do concello de Laxe repetirase este evento. O grupo 1500 é unha formación adicada á interpretación da música antiga con instrumentos orixinais. “Eamus videre…”: (imos mirar) é como comeza o Significatione Sepulchri, o drama litúrxico para ser representado nas vésperas do Domingo de Resurrección, que se conserva na Catedral de Santiago. Estas representacións incluían fragmentos cantados (de xeito monódico ao principio) dende as importantes Paixóns (a primeira a de san Xoán, no Domingo de Ramos) até os dramas litúrxicos das Vésperas do Domingo de Resurrección, nos que se escenifica e canta o descubrimento do sepulcro baldeiro de Cristo polas tres Marías.

Por outra banda un concerto dentro do mesmo ciclo do dúo composto por Araceli Fernández, soprano e Bruno Forts, clave,co programa "Quando ho Giesù nel cor...", Arias femininas no oratorio barroco tardío, que terá lugar na mesma igrexa de Santa Eufemia de Ourense o sábado 31 de marzo ás 20.30. Araceli é unha soprano viguesa afincada en Suiza, que ten estudado canto con Teresa Novoa, con Richard Levitt na Schola Cantorum de Basilea; e Bruno Forst é un músico francés, afincado en Compostela, especializado na interpretación instrumentos de tecla antigos (órgano e clave) Actualmente canta con diferentes Grupos música de todos os estilos e épocas e forma un dúo coa pianista Justyna Danczowska. Colabora tamén en diferentes formacións de teatro e adica parte do seu estudio á improvisación vocal jazzística.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Ribeira Sacra, berce do viño de Amandi. / Foto: Oteo
A Ribeira Sacra, berce do viño de Amandi. / Foto: Oteo
Na Ulla, cadaquén escribe o seu nome nunha cunca e sérvese canto queira
Na Ulla, cadaquén escribe o seu nome nunha cunca e sérvese canto queira
O grupo de música antiga 1500 estará en Ourense e Laxe
O grupo de música antiga 1500 estará en Ourense e Laxe
Unha réplica do monumento á mariscadora de Arcade, de Carlos Tesouro
Unha réplica do monumento á mariscadora de Arcade, de Carlos Tesouro