Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nova secretaria xeral de Galiza Nova

Iria Aboi: "Cómpre falar máis coa mocidade e menos sobre nós mesmos"

Iria Aboi converteuse esta pasada fin de semana na primeira secretaria xeral na historia de Galiza Nova. Este luns conversou con Vieiros.

F. Arrizado - 19:20 02/04/2007
Iria Aboi Ferradás

Iria Aboi Ferradás

Iria Aboi Ferradás naceu en Marín o 3 de setembro de 1982, o mesmo día en que na Coruña, concretamente na Asemblea de Riazor, tamén nacía o Bloque Nacionalista Galego. Aboi é licenciada en Filoloxía inglesa e cursa o cuarto curso da galega; milita na UMG dende os 14 anos e, até este domingo, formaba parte do Consello Nacional do BNG como responsábel comarcal do Morrazo; dende entón, e tras recibir o apoio do 60% da X Asemblea Nacional de Galiza Nova, vaino facer como nova secretaria xeral, a primeira na historia da organización xuvenil.

Que salienta coma o máis positivo e o máis negativo desta última Asemblea Nacional?
En realidade, valoro todo como positivo. Sabíamos que esta asemblea ía ser das máis concorridas dos últimos tempos, e así foi. Acudiu moita militancia, e resultou ser altamente participativa. Houbo un intenso debate nas dúas xornadas, como lle corresponde a asociación de maior referencia para a mocidade da sociedade galega, a anos luz do resto de organizacións. E o máis importante, internamente Galiza Nova saíu reforzada.

Malia presentárense dúas candidaturas diferentes ...

Cando existen distintas formas de facer chegar un proxecto común á sociedade é normal que haxa un maior debate, que se creen tensións ..., mais coido que todos concluímos que o realmente importante é Galiza Nova, e agardo que nese camiño traballemos todos unidos.

Cal foron os principais temas de debate nesta fin de semana?

Fundamentalmente, debateuse sobre como é que debe ser a adecuación da organización ao momento político actual, isto é, a relación que debemos manter co BNG como grupo de goberno e de cara ás eleccións municipais. Ademais, analizouse que papel ha de ter e que pasos cómpre seguir para a concienciación nacional da mocidade galega.

Habendo dúas listas e tanta participación, de seguro que houbo máis dalgún desencontro ...

Falouse do proxecto estratéxico do nacionalismo e o seu fin último, e dentro deste houbo quen se decantou por adoptar posturas máis independentistas. O modelo tanto o de Galiza Nova como o do BNG está xa ben definido; está baseado nun proceso dinámico que leve cara á autodeterminación. En realidade, o desencontro prodúcese máis na forma ca no fondo do discurso.

Que medidas de actuación foron asumidas pola Asemblea?

Galiza Nova ten que chegar máis á mocidade, ten que ter máis presenza en centro educativos, centros laborais, no eido deportivo, do tempo de lecer, da lingua ... para achegarlles solucións a aqueles problemas que máis lles preocupan.

O fracaso na reforma do Estatuto era outro dos temas que ían ser discutidos; cal é a postura oficial de Galiza Nova nesta cuestión?

Consideramos que foi positivo que houbese este debate entre representantes políticos; que se falase das competencias que queremos asumir, do financiamento, e de se o recoñecemento de Galiza como nación implica unha serie de dereitos e cal son. Nós seguiremos a traballar por un Estatuto de nación, porque beneficia á nosa mocidade; queremos ter competencia sobre as bolsas de estudo, un ensino digno en galego, así como o recoñecemento pleno da nosa lingua; defendemos poder acceder a unha vivenda adquiríbel e a un emprego digno no país, para non ter que emigrar.

Xa sabe que é a primeira vez na historia da organización, que unha muller chega á Secretaría Xeral; como se sinte?

Agardo que polo feito de selo non se me mire cunha lupa máis grande, senón que se me xulgue polo meu traballo. Persoalmente, estou moi ilusionada con este novo reto.

Tamén é consciente de que as organizacións xuvenís das tres principais forzas políticas galegas teñen á fronte a unha muller, non si?

Son; coñézoas ás dúas (María Seoane, de Novas Xeracións, e María Dolores Rodríguez, de Xuventudes Socialistas), xa as coñecía previamente, antes de chegar ao cargo. Coido que independentemente de se é unha muller ou un home quen está á fronte, o importante é o grupo.

Xa por último, dígame unha virtude e un defecto da Galiza Nova destes últimos anos.

Coido que salientaría como positivo que se debatese todo ás claras, abertamente. O peor foi ter perdido á incidencia que tiñamos na mocidade. Gastamos demasiados esforzos e demasiado tempo no debate interno, cando o que cómpre é falar máis coa mocidade e menos sobre nós mesmos.


3,96/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: