Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Organizada pola Aula Castelao

A Semana Galega de Filosofía aborda as diferenzas

Este luns 9 de abril, o sociólogo Vicenç Navarro abre os relatorios cunha conferencia sobre o papel das nacións na era global. As conferencias e actos continuarán ao longo da semana.

Redacción - 12:12 09/04/2007

“Unha reflexión sobre o concepto do distinto, do diverso, do que é doutra maneira, do diferente” é a proposta desta XXIV Semana Galega de Filosofía en Pontevedra, organizada pola Aula Castelao. As diferenzas, físicas, culturais, económicas, sociais, ideolóxicas, e a súa tradución, por parte do pensamento único, en disidencia que é castigada como desigualdade, desintegración social ou pura violencia, son as protagonistas desta edición, na que xa hai inscritas máis de mil persoas. Este luns 9 de abril, o alcalde da "boa vila", Miguel Anxo FernaÅ„dez Lores, inaugura o evento ás 10.30 no Auditorio Caixanova da cidade, para dar paso ao sociólogo Vicenç Navarro. “Nacións vs. nacións na era da globalización” abre o ciclo 'Pensar as diferenzas', que ocupará as mañás, de 10.30 a 13.30: o martes estaba previsto abordar a relixión como feito diferencial, da man do filósofo Gianni Vattimo, mais finalmente cancelou a súa visita. Substituirao Heinz Dieterich, quen tiña previsto aproximarse aos novos modelos de “Socialismo do século XXI” o mércores. Falará da nova corrente que representa Hugo Chávez en Venezuela e Rafael Correa en Ecuador ou o “Socialismo comunitario” de Evo Morales, o presidente boliviano que hai tres anos participou na Semana Galega de Filosofía. E o mércores achegarémonos á teoría feminista con Fina Birulés. Xa o xoves, as feblezas da postmodernidade centrarán a conferencia de Rosa Mª Rodríguez Magda, que propón un novo paradigma: a transmodernidade. Dende a metafísica, Ángel Gabilondo pecha o ciclo o venres coa conferencia “Os disfraces da diferenza”.

'As diferenzas, aquí e agora', son o ciclo de conferencias que ocupa as sesións de tarde (de 17.00 a 19.30, agás o día 12 de 16.30 a 18.30). Dende unha perspectiva de proximidade, convidan a pensar o noso, o próximo, a realidade galega. A nosa identidade como realidade diferenciada doutras realidades será valorada por xestores de urbanismo (Xosé M. Tato, Juan L. Dalda) na sesión do luns, e os escritores Darío Xohán Cabana e Anxo Angueira, abordando a cuestión lingüística, o martes. Xa o mércores, o médico Ignacio Salazar exporá a experiencia persoal da discapacidade como una expresión da diversidade. O venres, o pedagogo Jurjo Torres incidirá na construción-reprodución das desigualdades no sistema educativo, tamén en Galiza. E como achegamento ao mundo artístico, Leo Bassi, quen se autodefine como terrorista lúdico, e o pallaso Iván Prado representarán o espectáculo Acción na diferenza: Bufón e sociedade o xoves á tarde. Leo Bassi presentará tamén o seu controvertido espectáculo A Revelación o xoves ás 21.30, no Teatro Principal pontevedrés.

As sesións de noite (20.00-22.00, día 12 de 19.30 a 21.15) dedicaranse ao mundo da política, a arte e a literatura: o luns continúa a reflexión sobre o urbanismo con Daniel Pino; o martes, a doutora Helena González, crítica literaria e docente na Universidade Autónoma de Barcelona, ofrece a conferencia 'Escritoras diferentes nunha literatura-nación diferente'. E xa o xoves, o comisario de arte Xavier Araquistáin falará das dificultades que aínda quedan por salvar no mundo da arte contemporánea para equiparar a presenza de artistas femininas ou o tratamento da identidade.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: