Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Fracaso da normalización no ensino

Só tres de cada dez rapaces da Primaria usan o galego

O informe do Consello Escolar de Galicia quéixase especialmente da "desproporción" do uso do castelán durante a aprendizaxe da lectura e a escritura.

Redacción - 09:45 10/04/2007

É imprescindíbel unha actuación "urxente e decidida" en favor da galeguización do ensino. A recomendación sublíñaa o Consello Escolar de Galicia no informe presentado este luns e que analiza a situación nas aulas do país nos cursos 2002-2003, 2003-2004 e 2004-2005.

"Nin sequera se cumpre a normativa naquelas materias nas que o galego é obrigatorio", denuncia o Consello Escolar. O organismo define a situación de "fracaso insólito da lexislación" e láiase de que a normalización que a lei avala está "moi lonxe" de alcanzarse.

A chamada de atención vai acompañada do detalle de estatísticas e avisa por exemplo de que ao inicio do primeiro ciclo da educación primaria un de cada tres alumnos non acada competencia suficiente. Do resto, o 43% sitúase apenas no gume da suficiencia e só un 23,9% amosa un dominio "bo ou moi bo" da lingua.

No treito de infantil e primaria o 66,9% dos cativos empregan o castelán, porcentaxe que entre o profesorado queda no 53%. Ao rematar esta etapa, o coñecemento da lingua mellora até 16,2 puntos pero aínda así "non se acada a suficiencia requirida", segundo lamenta o estudo. É por iso que un 16,8% non ten aínda nese momento o nivel necesario para iniciar o segundo ciclo da primaria.

O profesorado non chega aos mínimos
Máis da cuarta parte do profesorado que imparte docencia nos treitos do ensino obrigatorio asegura non ter competencia suficiente en lingua galega. "A competencia docente en lingua galega do profesorado non debería representar un dificultade para os funcionarios públicos", indica ao respecto o informe do Consello Escolar, recomendando que a administración esixa "unha formación a todo o profesorado para tal competencia".

Entre outros problemas a análise atopou tamén unha falta de materiais didácticos, sobre todo para as etapas de infantil e primeiro ciclo de primaria. Solicitan ademais o deseño dun plan de actuación que permita "combater con éxito prexuízos lingüísticos aínda moi enraizados na comunidade escolar".

O informe sinala por exemplo que no curso 2004-2005 a administración gastou un total de 677 mil euros en axudas aos equipos de normalización lingüística nos centros públicos. Con todo, salientan que alén do financiamento detectáronse "debilidades" importantes no funcionamento destes equipos, con "desviacións" do seu obxecto central de traballo "insuficiencias" para contribuír con eficacia ao avance escolar da lingua galega. Nesa liña propón que se reforce o seu papel na vida dos centros e se mellore a formación dos seus membros en sociolingüística aplicada ao ensino.


4.44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: