Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Do 10 ao 24 de abril

A feminista india N. Manimekalai achéganos a súa experiencia

A doutora en Económicas vén a Galiza convidada por Implicadas/os no desenvolvemento, oenegué á que asesora en materia de xénero nos seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento na India.

Redacción - 10:50 10/04/2007
Unha escola en Tiruchy / Foto: InD

Unha escola en Tiruchy / Foto: InD

N. Manimekalai, directora do Centro de Estudos das Mulleres da Universidade de Bharathidasan (Tiruchy) dende 2004, estará en Galiza do 10 ao 24 de abril para expor as conclusións dun proxecto de investigación no que analiza o impacto sobre as mulleres dos diferentes tipos de microfinanzas. Ao longo de diversos actos, explicará o funcionamento do Centro de Estudos das Mulleres que dirixe dende hai tres anos, onde se creou un Máster de Xénero, se organizou un departamento de orientación e asesoramento ás mulleres que queiran comezar unha actividade empresarial, cursos de sensibilización en xénero para persoal de oenegués, profesorado, estudantes, etc, e varios Clubs de Xénero en diferentes Facultades da Universidade, co obxectivo de espertar a conciencia, sensibilizar sobre a desigualdade de xénero e analizar as representacións das mulleres nos medios.

N. Manimekalai ten recibido varios premios ao longo da súa carreira, participou en máis de 100 conferencias a nivel internacional e publicou máis de 100 artigos sobre as mulleres empresarias e as microempresas; o impacto das microfinanzas nas mulleres; xénero, pobreza e desenvolvemento; políticas de igualdade de xénero; empoderamento das mulleres e os grupos de autoaxuda; ou a intervención das oenegués nos grupos de autoaxuda das mulleres rurais de Tamil Nadu a través dos microcréditos, rexión da India na que InD leva traballando dende 1998 apoiando proxectos perdurábeis xestionados por contrapartes locais cun enfoque de xénero, como único xeito de avanzar cara un desenvolvemento humano.

A doutora chega o martes 10, e o mércores 11 dá a súa primeira conferencia no Centro Social Caixanova de Vigo, ás 20.00: “O microcrédito e o empoderamento das mulleres” . O xoves estará en Pontevedra, na tenda de comercio xusto Factoría do Sur, á mesma hora, e falará sobre “A explotación das traballadoras do sector téxtil en Tamil Nadu”. O venres, no Museo Provincial de Lugo, sobre “Xénero e desenvolvemento na India”. Xa o luns 16, será entrevistada no espazo “Bos Días”, presentado por Marga Pazos e Carlos F. Amado, da TCG, ás 9.45. O martes volve a Vigo, desta vez ao Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, ás 11.30 , de novo coa conferencia “Xénero e desenvolvemento na India”, e o mércores estará en Compostela, no Club Internacional de Prensa ás 20.00, para falar outra volta sobre “O microcrédito e o empoderamento das mulleres”. Por último, o sábado 21 de abril participa no curso Vanakkam que organiza Implicadas/os no desenvolvemento, no local da Asociación Veciñal "A Xuntanza" de Santiago de Compostela (Rúa Fraguas, 37, baixo).


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Grupo de mulleres en Tiruchy / Foto: InD
Grupo de mulleres en Tiruchy / Foto: InD
Grupo de mulleres en Tiruchy / Foto: InD
Grupo de mulleres en Tiruchy / Foto: InD