Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para solicitar licenzas de obra no seu nome

O BNG acusa o alcalde de Arbo de usar a sogra de testaferro

O secretario de Política Municipal di que este, o de Salceda e algúns outros nos últimos meses son só "a punta do iceberg do que acontece cos cargos do PP" nalgúns concellos.

Redacción - 19:30 11/04/2007
Roberto Mera con Anxo Quintana

Roberto Mera con Anxo Quintana

Roberto Mera, secretario de Política Municipal do BNG e candidato á alcaldía de Ponteareas denunciou o que considera unha "falta absoluta de ética", en referencia aos edís do PP, que compaxinan os seus cargos con negocios urbanísticos e inmobiliarios nos seus concellos.

Advertiu, ademais, de que "o caso do alcalde de Salceda e algúns outros coñecidos nos últimos meses son só a punta do iceberg do que acontece cos cargos do Partido Popular". Mera lembrou que "só no Condado e Baixo Miño hai polo menos tres alcaldes -o de Arbos, o de Salceda e o de Tui- que participan directamente ou a través de testaferros en negocios urbanísticos e inmobiliarios nas localidades destas comarcas".

Así, por exemplo, citou o "caso paradigmático" de Manuel Rivera Domínguez, alcalde de Arbo, "que encarga á súa sogra, octoxenaria, a solicitude de licenzas de obra para numerosos edificios".

Influencia nas decisións políticas
Segundo Mera, o problema non radica só en que os alcaldes teñan actividades privadas no ámbito da construción e do negocio inmobiliario, senón en que ademais "esas actividades desenvólvense en paralelo con actuacións e decisións políticas que directa ou indirectamente favorecen ditos negocios".

Algunhas destas decisión, segundo sinalou Mera, son a parálise na redacción de PXOMs, para manter vixentes normas subsidiarias e baleiros legais coma no caso de Salvaterra e Salceda; recalificacións de terreos con modificacións puntuais ou con novos planeamentos municipais, como no caso de Salceda, Arbo e Nigrán; negativa a ceder terreos á Xunta para vivendas protexidas evitando competencia, como no caso de Arbo; ou licenzas e obras ilegais promovidas por alcaldes, recorridas pola Xunta e anuladas polos tribunais, coma no caso de Ponteareas.

"En liñas xerais, os negocios urbanísticos e inmobiliarios dun significativo número de alcaldes e concelleiros do PP teñen florecido en paralelo coa desfeita urbanística en vilas do país, dos que boa proba son concellos como Salceda, Ponteareas ou Salvaterra, onde operan como promotores cargos do Partido Popular", segundo o membro da Executiva Nacional do BNG.

"Ética incontestábel do BNG"
Roberto Mera insistiu na "falta absoluta de ética" que supón compatibilizar estas actividades coas responsabilidades políticas, e engadiu "que para o propio PP non debe ser moi ético, cando algúns alcaldes, como o de Salceda, recoñecen explicitamente esa falta de ética".

O tamén candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas considera que "fronte a esta situación na que tamén se atopan alcaldes do PSOE en Galiza, os cargos do BNG pola súa parte actúan non só dentro da legalidade senón cunha ética incontestábel, sempre supeditados ao interese xeral e sen conflitos de intereses".


4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: