Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Saída e chegada en Vigo

A primeira tirada da Vuelta percorrerá boa parte das terras pontevedresas

O pelotón, que completará 144 quilómetros por Pontevedra, finalizará a etapa no paseo da praia de Samil.

Redacción - 10:19 20/04/2007
Domínguez, cos organizadores da Vuelta

Domínguez, cos organizadores da Vuelta

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, e representantes de Unipublic, empresa organizadora da Vuelta a España, completaron este xoves o percorrido previsto para a primeira tirada da edición da proba deste 2007.

Con saída e chegada en Vigo, a etapa comezará cunha saída neutralizada polo centro da cidade e percorrerá rúas e prazas como a do Berbés, A Coruña, Gran Vía, Pizarro e Travesía de Vigo. Pouco despois o pelotón tomará dirección a Chapela, onde terá lugar unha saída lanzada. A partir de aí os participantes achegaranse até localidades como Redondela, Pontevedra, Pazos de Borbén, Ponteareas ou O Porriño, para rematar novamente en Vigo, onde se realizarán tres pasos pola liña de meta situada no paseo da praia de Samil.

Segundo Javier Guillén, secretario xeral de Unipublic, "nestes momentos xa temos unha idea moi clara do que vai ser a saída. Estamos repasando as necesidades que ten a Vuelta Ciclista a nivel de infraestruturas, porque en total movemos a máis de 3.000 persoas. Estamos moi satisfeitos de todo o que estamos vendo, e estamos convencidos de que todo o mundo vai poder gozar da marabilla que é Vigo".

Participación do Karpin Galicia na Vuelta

Guillén sinalou tamén que "o único que podo dicir é que, se eu fose galego sería moi optimista", en relación á posíbel participación do Karpin Galicia na Vuelta a España. A decisión oficial sobre os catro equipos convidados para participar na Vuelta darase a coñecer o día 1 de xuño, pero desde Unipublic xa se anunciou que "se valora o enorme esforzo feito pola Dirección Xeral para o Deporte de poñer en marcha un equipo de ciclismo, a boa traxectoria deportiva que ten este equipo e o feito de que a saída se realizará dende Galiza".

Pola súa parte, Santiago Domínguez destacou que "é moi gratificante e positivo ver que nestes momentos as prazas hoteleiras da cidade xa están copadas ao 100% pola organización para eses días, e este grande evento traerá moita promoción e riqueza para Vigo e Galiza”. Ademais, o aínda máximo dirixente do Deporte galego amosouse “convencido” de que o Karpin Galicia correrá a Vuelta e por todo isto “é un día de ledicia para todos nós".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: