Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

China comercializará este ano bicicletas alimentadas con hidróxeno

As primeiras series van estar á venda no país asiático e no Canadá.

Redacción - 13:10 23/04/2007
Dous modelos de bicicletas eléctricas a hidróxeno

Dous modelos de bicicletas eléctricas a hidróxeno

Algúns xa falan da ‘terceira revolución industrial’. E é que os expertos din que o desenvolvemento das celas de combustíbel alimentadas con hidróxeno suporán unha innovación similar á da máquina de vapor no século XIX e á do motor de combustión interna do XX.

Até agora, o estudo deste tipo de enerxía estaba enfocado unicamente ao campo da tecnoloxía de consumo. De feito, empresas como Hitachi, Toshiba, Samsung, Canon ou Sony xa compiten desde hai anos entre si por ser as primeiras en ofrecer dispositivos alimentados con hidróxeno como alternativa ás actuais baterías. Esta nova fonte permitiría que, por exemplo, un ordenador portátil tivese unha autonomía duns tres días.

Porén, o desenvolvemento desta nova fonte de enerxía non tiña como obxectivo a súa aplicación nos medios de transporte até agora. Aínda que gardando as distancias en relación coa súa futura aplicación en automóbiles, algunhas empresas xa comezaron a deseñar vehículos menores alimentados con hidróxeno.

É o caso da chinesa Horizon Fuel Cell Technologies, que este ano comezará a comercializar en China e Canadá unha das primeiras bicicletas eléctricas alimentadas con cartuchos de celas de hidróxeno. Este tipo de medio de transporte está chamado a converterse nunha alternativa barata e non contaminante para todo o mundo, cunha autonomía de 250 quilómetros e unha velocidade de até 25 quilómetros por hora. Outras empresas, como Manhattan Scientifics, están a crear deseños similares así como vehículos de tres rodas para a transportar pequenas cargas.

Previsibelmente a venda deste tipo de bicicletas podería ter unha boa acollida en países como China, onde no último ano se venderon preto de dez millóns de bicicletas eléctricas convencionais. Ademáis, a empresa Horizon Fuel Cell Technologies está a traballar nesta mesma liña no desenvolvemento de pequenas embarcacións de pesca, mini coches, carriños de golf ou coches teledirixidos.


4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: