Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
BOOK MADE IN GALICIA

Coidado: é fráxil

A literatura expórtase, e as editoras dos máis cativos sábeno ben. Hai produto de calidade e máis dun pioneiro en Galicia. Cómpre procurar intermediarios competentes, escoller o albo axeitado e artellar unha estratexia colectiva. Libros en tránsito, unha reportaxe de Iago Martínez que abre o segundo número de ProTexta, suplemento de libros da revista TEMPOS Novos.

TEMPOS Novos - 08:00 27/04/2007
Capa do segundo número de ProTexta, coa escritora brasileira Nélida Piñon

Capa do segundo número de ProTexta, coa escritora brasileira Nélida Piñon

A tradución ferve no país. Autores coma Paul Auster ou Julian Barnes, por caso, xa publican en galego ao mesmo tempo que na súa lingua orixinal grazas a un labor colectivo que lle debe moito á afouteza de Rinoceronte Editora. Ao revés, de dentro para fóra, tamén hai boas novas. Hai ben pouco soubemos que os protagonistas d'A esmorga de Blanco Amor aprenderan a falar o italiano da man de Attilio Castellucci e a editora Carocci, e abonda unha ollada aos andeis virtuais de Amazon.com, a maior libraría da internet, para comprobar que tamén as escritoras e os escritores contemporáneos están a ser verquidos pouco e pouco para outras linguas. Velaí os casos de Alfredo Conde, un autor con certa presenza entre os lectores rusos, ou de Xosé Carlos Caneiro, que xa se pode mercar en italiano, alemán e coreano. Eis tamén Xavier Queipo e Xurxo Borrazás, dos que a profesora británica Kirsty Hooper está a preparar versións en inglés, ou o propio Suso de Toro, ao dispor dos leitores franceses. E velaí, ao cabo, a versión inglesa do M-talá de Chus Pato que se publicou hai catro anos no Canadá, ou a achega máis recente de Teresa Moure, que en moi pouco tempo verá a súa Herba Moura, xa en catalán, pronta tamén en italiano, alemán e neerlandés.

Con todo, a imaxe da literatura galega contemporánea no exterior segue a levar a sinatura de Manuel Rivas, non só polo número de países onde está publicado, do hebreo e o croata ao xaponés e así até sumar 21 linguas diferentes, mais tamén pola posición que ocupa neses mercados. Fóra do ámbito estritamente universitario e das edicións académicas, o autor coruñés está presente no catálogo de editoriais de referencia, caso de Feltrinelli en Italia (Il lapis del falegname e La lingua delle farfalle), Gallimard en Francia (La langue des papillons et autres nouvelles e Le crayon du charpentier), Dom Quixote en Portugal (Que me queres, amor?, As chamadas perdidas, O segredo da terra, Alma, maldita alma e O lápis do carpinteiro) ou Harvill Press-Random House no Reino Unido (The Carpenter's Pencil, Butterfly's Tongue, In the Wilderness e Vermeer's Milkmaid and Other Stories). Amais, as súas obras coñecen xa algunha que outra reedición no mercado británico, manéxanse en capa dura e mais en rústica, e mesmo chegaron a ser lectura aconsellada na confortábel Waterstone's, unha das principais cadeas de librarías de Londres.

O caso de Rivas, porén, e por varias razóns, é excepcional. Primeiro, pola súa posición central no sistema literario galego, unha sorte de slot privilexiado na pista de aterraxe editorial que aquí só poderían abeirar Suso de Toro e, máis para acó, Teresa Moure. Segundo, porque no seu lanzamento no ámbito anglófono tivo moito que ver a estrea nos cinemas británicos d'A lingua das bolboretas, a fita de José Luis Cuerda inspirada en tres textos do coruñés. E terceiro, porque no transo da súa exportación, cando aínda non estaba na nómina dos seus actuais axentes (Oficina del Autor, do Grupo Prisa), houbo mediadores persoais da importancia do xornalista e escritor Juan Cruz, ex director da súa editorial en castelán (Alfaguara), ou Pilar del Río, a dona do nóbel portugués José Saramago, segundo testemuños recollidos pola investigadora Olga Castro e publicados no Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos do ano 2005.

Un cartafol inzado de traducións

Proba desta excepcionalidade é o que acontece co seu propio tradutor. Jonathan Dunne, quen vén de aconsellar nun informe a publicación en inglés da última entrega de Suso de Toro, Home sen nome, estaba a buscar saída para as súas traducións de Rafael Dieste (Dos arquivos do trasno) e Castelao (Retrincos e Cousas) cando Harvill lle encargou a versión d'O lapis do carpinteiro en 2000. Logo de sete anos, The Carpenter's Pencil xa coñece varias edicións e mesmo cruzou o Atlántico ás costas do selo neoiorquino Overlook, mais esoutros textos que foran pioneiros seguen inéditos, o mesmo que unha escolma da obra poética de Rivas que el mesmo preparara, os textos de Xurxo Borrazás e Inma López Silva que Kirsty Hooper verqueu para o inglés ou a antoloxía do conto policiaco galego que están a preparar, sen saber ben onde irá parar ao cabo, xentes como Inma Otero, Attilio Castellucci, Enrico Passoni e outros filólogos adscritos á Università degli Estudi "La Sapienza" de Roma.

O número de primavera de ProTexta achega entrevistas á escritora brasileira Nélida Piñón, o pedagogo Narciso de Gabriel e o cantante de The Homens, Martin Wu, desta volta na súa faceta lectora. Nos espazos adicados á crítica literaria sobrancean as últimas entregas editoriais de Xavier Queipo, Yolanda Castaño, Camilo Franco, Slavoj Zizek, Ramón Caride, Uxía Casal, David Rubín ou José Saramago, entre outros autores. Por último, tamén neste número do suplemento, a escritora Marilar Aleixandre propón a súa particular lectura de Orham Pamuk e o narrador Xesús Fraga dá conta do que está a acontecer arestora nas letras británicas.
Até hoxe, este foi o padrón. Os tradutores foron, e o son, investigadores ou docentes universitarios que fan este traballo sen garante ningún de acabar no prelo e decote mesmo sen compensacións económicas. Son os centros de estudos galegos, unha "rede planetaria de galeguistas", ao ver de Rivas, que acha o seu paradigma no labor do hispanista británico John Rutherford. Director do Centre for Galician Studies de Oxford dende 1991 e responsábel do seu obradoiro de tradución, Rutherford soubo combinar a gramática académica coa sintaxe da industria editorial e favorecer a publicación en inglés de Xosé Luís Méndez Ferrín (Them and Other Stories, 1996), Castelao (Things, 2001) ou Carlos Casares (Wounded Wind, 2004), amais dalgúns textos soltos de Manuel Antonio ou Claudio Rodríguez Fer. Claro que fronte aos máis de 6.000 exemplares que chega a tirar Harvill dun Manuel Rivas, os títulos que Rutherford puxo nas mans da editora galesa Planet en ningún caso foron máis aló das 500 copias e apenas si rebordaron as estremas do mercado que controla o Welsh Books Council.

Sendo insubtituíbel o traballo da rede de centros de estudos galegos, que o é, e velaí a proba dos once tomos da Antoloxía da Literatura Galega que leva editados dende 1995 a Universidade Estatal de San Petersburgo, a realidade é que a presenza dos escritores e as escritoras do país circunscríbese en xeral ao público universitario. Por iso o profesor e escritor italiano Danilo Manera, tradutor tamén de Rivas, confesa que "a difusión da literatura galega no estranxeiro está aínda por facer" e que non é abondo con termos "algún éxito illado" e unha "viraxe" optimista na tendencia das últimas décadas. Coida, xa que logo, que "cómpre unha eficaz acción coordinada das institucións culturais galegas, tanto públicas como privadas, dende o goberno até as asociacións de escritores e editores", para proxectar o produto literario galego no mercado global. No dicir de Manuel Rivas, "é preciso crear as condicións para a descuberta".

As condicións para a descuberta

Se hai tradutores e un produto exportábel, o cadora máis diversificado catálogo galego, "o que hai que facer é saír fóra do Padornelo e da Canda e pensar no mercado exterior. Aquí cada vez hai máis editoras, publícanse máis títulos e as tiraxes son máis curtas, de xeito que os custos son maiores e o negocio mingua". Quen así fala é Carlos del Pulgar, responsábel de Nova Galicia Edicións, e sabe do que fala. O seu selo, creado hai dez anos e especializado na edición de materiais divulgativos para rapaces e libros de arte, vende o 55% da súa produción en 62 países estranxeiros, entre eles Irán, Nova Celandia, China, Xapón, India, Australia, Vietnam, Italia, Francia, Inglaterra, Grecia, Países Baixos, Canadá, Colombia, Bolivia, Chile, Angola, EE UU e sobre todo México, Portugal e Brasil, os tres mellores clientes. "Se todas as editoriais exportasen a metade do que editan", apunta, "poderían asumir máis riscos empresariais co libro en Galicia".

Quen xa está a ollar para alén do mercado galego, con pouco máis dun século de historia, é a literatura infantil. Moitas cousas mudaron dende as seminais Fábulas galaico-castellanas (1897) de Amador Montenegro Saavedra, o director do semanario 'A Monteira'. Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Gloria Sánchez e Xosé Antón Neira Cruz son algúns dos autores que virían a protagonizar nos últimos quince anos o bum dun xénero no que hoxe sobrancea a experiencia de Kalandraka. A editora que dirixe Xosé Ballesteros naceu en 1998 "coa convición de que era un delito non ler Os tres porquiños en galego e co obxectivo de independizar a literatura infantil das leituras aconselladas na escola". Van aló nove anos e o catálogo de Kalandraka ofrece xa 430 referencias, algo menos da metade en galego e o resto en castelán, euskera, catalán e portugués. Coidadas edicións como a d'O coelliño branco, que lle valeu a Óscar Villán o Premio Nacional de Ilustración en 1999, fan posíbel que a editorial pontevedresa comercialice oito de cada dez libros en países como China, EUA, Brasil, Chile, Colombia, México, Corea do Sur ou Xapón.

Aínda que tamén está a facer sondaxes no comercio de dereitos, Kalandraka traballa arestora de xeito prioritario as mesmas liñas de negocio que Nova Galicia: a venda directa, mesmo con libros en castelán para o consumidor hispano dos Estados Unidos, e o interesante mercado das licitacións. E é que as administracións educativas de países como México, Colombia, Brasil ou Chile peneiran cada ano as novidades editoriais de todo o mundo, as que se publican na súa lingua, para seleccionar uns 200 títulos cos que fornecer as súas bibliotecas escolares. Figurar nesa escolma final, e aceptar por veces o compromiso de imprimir no país en cuestión, pode supoñer a venda dun mínimo de 20.000 e un máximo de 80.000 exemplares de cada título. É escusado dicir que hai moito tempo, uns seis anos ou máis, que Kalandraka e Nova Galicia están aí.

Para Ballesteros, exportar literatura infantil significa tirar un produto de calidade, con ilustracións coidadas, e posicionalo en feiras internacionais como a Children's Book Fair que se celebra estes días en Boloña, e onde se vai presentar un completo catálogo dos produtos galegos editado en inglés pola Consellaría de Cultura. Para o escritor Xosé Antón Neira Cruz, porén, cómpre algo máis. Publicado en castelán, portugués, éuscaro, asturiano, aragonés e italiano, e mais coas versión francesa e grega no camiño, o autor d’O armiño dorme explica que as traducións dos seus libros foron o froito de iniciativas editoriais, e precisa con certa carraxe que non sempre das do país. "Boto de menos nas editoras galegas a vontade de vender no exterior", confesa, "aínda que tamén entendo por que: as empresas son pequenas e os recursos xustos, e vender fóra precisa viaxar, falar idiomas e moverse na contorna internacional cun produto que vender".

A reportaxe completa, na edición impresa de ProTexta (nº 2, primavera de 2007), o suplemento de libros da revista TEMPOS Novos


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: