Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O 17 DE MAIO CELÉBRASE O DÍA DAS LETRAS E TAMÉN O DÍA DE INTERNET

+Internet+Galego+Futuro mostrará as vantaxes da rede aos que non navegan

Case a metade dos galegos que non usan internet di que non lle ve utilidade. Industria lanza unha campaña de promoción contra este lastre e abre axudas por 4,2 millóns.

Manuel Vilas - 13:42 27/04/2007

A Xunta está convencida que unha das causas da fenda dixital galega -Galiza é a segunda autonomía con menor penetración de Internet- é que moitos cidadáns non atopan contidos útiles na rede. Para loitar contra esta barreira, a Consellería de Innovación lanza hoxe a campaña de promoción +Internet+Galego+Futuro.

Ata o 17 de maio -que é o Día das Letras Galegas e tamén o Día de Internet- o goberno difundirá, entre outros contidos, dezasete seleccións do mellor da internet galega. A iniciativa tamén inclúe a publicación de viñetas do Carrabouxo e publicidade nos medios . Todo elo cun orzamento de 200.000 euros.

Causas da fenda dixital
É que máis do 46% dos galegos que nunca se conectaron a internet alega que non o fixo porque non lle atopa interese, segundo revelaron as enquisas do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Co fin de paliar este problema, a campaña tamén prevé actividades de promoción organizadas pola Internet Society ISOC-Galicia, Barbantia, Fillos.org e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Outro dos lastres que frea o despegue do ciberespazo é a falta de formación, algo que alega o 41% dos que non usan internet. Despois están a ausencia de necesidade para conectarse -alegada polo 22%-, a falta de computador (20%) e de tempo (11%).

Catro millóns de euros en subvencións
Na rolda de presentación da campaña, o conselleiro Fernando Blanco adiantou que o seu departamento abriu dúas convocatorias de axudas para que empresas e asociacións lancen actividades relacionadas coa sociedade da información. Son 4,2 millóns de euros a repartir entre as solicitudes que se presenten antes do 25 de maio.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: