Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Datos do INE

O paro sobe en 10.200 persoas no primeiro trimestre de 2007

A primeira Enquisa de Poboación Activa do ano reflicte que Galiza foi o terceiro lugar do Estado onde máis subiron as cifras de desemprego.

Redacción - 14:15 27/04/2007

Tras Andalucía e as Illas Baleares, Galiza é a zona do Estado onde máis aumentou o número de desempregados no primeiro trimestre de 2007. Así o recolle a primeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) do ano, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística español (INE).

Porén, mantense tamén no terceiro lugar da lista nas que máis diminuíu o número de persoas sen emprego nos últimos doce meses, con 14.200 menos. Estes datos reflicten na actualidade un total de 112.000 parados en Galiza, dos cales 43.800 son homes e 68.800 son mulleres, o que supón unha taxa do 8,87% da poboación activa. No conxunto do Estado, o paro subiu en 45.500 persoas e sitúase en 1.856.100 desempregados, un 8,47%.

Valoracións positivas

Desde a Consellería de Traballo valoran positivamente o feito de que a taxa de temporalidade feminina diminuíse en Galiza en 4,1 puntos e que reducise a súa diferenza coa dos homes nun 16%. Tamén se celebra que durante este primeiro trimestre aumentase en 23.500 o número de ocupados galegos.

O departamento que dirixe Varela Sánchez considera que o mercado galego “presenta unha tendencia tanto na creación de emprego como na redución do paro que permite unha visión optimista”.

Pola súa parte, a Comisión Executiva de UXT-Galiza destaca que a taxa de temporalidade baixa até o 32,2% e celebra tamén a forte diminución das cifras no colectivo feminino. Segundo o sindicato, estas cifras son positivas e evidencian a utilidade e efectos dos Acordos do Diálogo Social no ámbito confederal e das medidas de emprego e igualdade do Diálogo Social galego.

O sindicato tamén matiza que as elevadas oscilacións dos datos de desemprego feitos públicos este venres polo INE son efecto dos cambios metodolóxicos introducidos nesta enquisa.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: