Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Proposición non de lei do BNG

O Parlamento quere preservar a onomástica galega

Os tres grupos da Cámara pídenlle á Xunta que poña en marcha unha campaña social para galeguizar os nomes e apelidos.

Redacción - 17:39 27/04/2007

A iniciativa do parlamentario nacionalista Bieito Lobeira, que conta co respaldo do socialistas e populares, insta á Xunta a desenvolver unha campaña social, coa colaboración de “persoas de relevancia pública”, para impulsar a galeguización dos nomes e apelidos “no marco dunha opción plenamente libre”.

A proposición non de lei, que foi presentada ante a Comisión de Educación e Cultura, “anima” os cidadáns a galeguizar “de forma legal” os seus nomes casteláns. Ao mesmo tempo, pide que se impulsen as medidas necesarias para publicitar a posibilidade de “restituír a orixinalidade galega” nos apelidos.

De momento os cargos públicos quedan exentos

A proposta de Lobeira foi modificada antes da súa aprobación para eliminar un dos puntos máis polémicos. O parlamentario incluía no texto da súa iniciativa que os cargos públicos “deberían dar exemplo” aínda que “non se trata de convencer a ninguén á forza”. A petición do PPdeG e PSdeG retirouse este punto da proposta.

O nacionalista aproveitou a sesión para lembrar que o proceso de “españolización” dos apelidos galegos comezou xa hai 250 anos coa aparición dos rexistros civís. Lobeira denunciou que foi a Igrexa Católica e os seus funcionarios os principais responsábeis de “deturpar” os patronímicos galegos.

Malia aprobar a proposta, populares e socialistas coincidiron non compartiron a argumentación de Lobeira. Así, o socialista Francisco Cerviño sinalou que o PSdeG "non comparte a interpretación da Historia" que fai o BNG e recalcou que non todos os apelidos teñen orixe galega.

Pola súa parte, o parlamentario popular Maximino Rodríguez destacou o carácter sentimental que, para moitos galegos, teñen os seus apelidos a pesar de ser castellanizados. "Son dereitos sagrados que se reciben dos antepasados", asegurou ao criticar o BNG por pretender introducir os ámbitos da privacidade na política". Malia as diferenzas, representantes socialistas e populares destacaron a necesidade de animar aos cidadáns a galeguizar os seus nomes e apelidos se así créeno conveniente.


4,8/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: