Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novas negociacións desde as 11.00 horas

Paro indefinido no naval para denunciar o incumprimento do convenio

A Delegación provincial de Traballo convocou ao comité de folga para retomar as negociacións, logo de non se alcanzar un acordo a pasada corta feira.

Redacción - 11:10 03/05/2007
Tags: folga metal
Manifestación de obreiros do Metal, o ano pasado en Vigo

Manifestación de obreiros do Metal, o ano pasado en Vigo

Máis de 5.000 traballadores de empresas matrices e auxiliares do sector do naval da provincia de Pontevedra comezaron este xoves unha folga indefinida -secundada nun 100%, segundo os sindicatos consultados-, ao non se alcanzar un acordo entre a patronal e sindicatos, sobre as súas diferenzas en dous dos principais puntos do convenio do metal asinado hai un ano: a Axencia Bolsa de Emprego e a conversión de contratos eventuais a fixos.

Tras once horas de conversacións entre as partes, nas que exerceu como mediador o delegado provincial de Traballo, Pedro Borrajo, e o xefe provincial de Inspección, Xosé María Casas de Ron, as partes non chegaron a unha postura común, polo que a actividade laboral no sector quedou suspendida de modo indefinido.

Continuar co diálogo

Ás 11.00 horas, o comité de folga estaba convocado na Delegación de Traballo para continuar coa negociación.

Dende as 7.00 horas os traballadores estiveron reunidos en asembleas nos centros de traballo, para informar sobre as conversacións coa patronal. Polo momento non está prevista ningún tipo de mobilización.

Os sindicatos asinantes do convenio do ano pasado, CC OO, UGT e CIG, denuncian o incumprimento do artigo 8 do convenio do metal, que estabelece que o 45% dos empregos temporais deberán pasar a fixos este ano, así como tamén da bolsa de contratación que regulamenta o sector. Pola súa banda, os empresarios móstranse a favor das dúas medidas e afirman obterse grandes avances ao respecto.

Postura "infumábel"

En declaracións aos medios, unha vez levantada a mesa de negociación, o secretario comarcal de UXT Metal, José Antonio Álvarez, cualificou a patronal de "infumábel" e as posturas destes como "inasumíbeis" xa que recordou que non se trata de negociar un convenio senón de que "se cumpra o que xa existe".

Así, criticou a "irresponsabilidade dos empresarios" e destacou que coas mobilizacións de hoxe significan "volver á asemblea de Praza do Rei" do ano pasado, coa que 15.000 traballadores do metal da provincia comezaron unha dura folga que durou nove días e desembocou na sinatura do convenio.

Pola súa banda, o representante da CIG, Vítor García, destacou que, coa súa actitude, a patronal "non está polo labor" de emendar uns incumprimentos, segundo el, "demostrados" en diversas actuacións da inspección e da comisión de seguimento do convenio.

Mentres, o responsábel do sector naval de CC OO, Ramón Sarmiento, criticou que os empresarios "asinen convenios para que non haxa folgas", e que logo intenten aproveitar as "fendas" para non cumprir todos os puntos que acatan inicialmente.

Patronal "desanimada"

Porén, o voceiro dos empresarios, Enrique Mallón, mostrou a situación de "desánimo" do colectivo ao que representa ante a convocatoria de folga, despois de "poñer toda a carne no asador" sobre uns asuntos, como a eventualidade e a bolsa de contratación, "nos que non nos separan grandes diferenzas", considerou.

Malia valorar de forma negativa o paro convocado polo sector, afirmou que este non deberá repercutir nas futuras conversacións cos sindicatos, polo que se mostrou disposto a continualas "canto antes".


4,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: