Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ESTADO VENEZUELANO RESCATOU 1011 EMPRESAS

Nova lei transformará en socialistas as empresas do Estado

O presidente da República, Hugo Chávez Frías, traballa na redacción dunha lei dentro da Lei Habilitante que permitirá a transformación das empresas capitalistas do Estado en socialistas.

Xurxo Martínez Crespo - 11:19 08/05/2007
Tags:

«Estamos facendo unha lei especial para a transformación das empresas capitalistas do Estado en empresas do Estado socialistas», dixo o presidente durante a entrega de créditos a 49 empresas que forman parte do Acordo Marco de Corresponsabilidade para a Transformación Industrial.

«As empresas do Estado, como a Corporación Venezolana de Guayana (CVG) foron sempre empresas capitalistas. Temos que transformalas, igual cos bancos do Estado, que non poden comportarse como bancos capitalistas», subliñou desde a Industria Venezolana Endóxena de Tubos (Invetubos), en Valencia, estado Carabobo.

O presidente Chávez tamén indicou que a empresa privada debe dar paso a un novo modelo, aínda que referiu que non será igual ao das empresas públicas.


Estado venezolano rescatou 1.011 empresas



O Estado venezolano rescatou un mil 11 empresas no territorio nacional, a través do Acordo Marco de Corresponsabilidade para a Transformación Industrial do Programa Fábrica Adentro, informou o coordinador do Programa Fábrica Adentro, Jesús Zambrano Mata.

A declaración formulouna en Valencia, estado Carabobo, durante o acto de entrega da Industria Venezolana Endóxena de Tubos (Invetubos), por parte do presidente da República, Hugo Chávez Frías, aos traballadores da nova empresa.

Precisou que o Acordo Marco de Corresponsabilidade para a Transformación Industrial procura incentivar a mediana e pequena empresa con asociacións entre o Estado, os empresarios e os traballadores, agrupados estes últimos en cooperativas.

Manifestou Zambrano Mata que desde a creación do Programa Fábrica Adentro foron moitos os parques industriais recuperados polo Goberno, os cales estaban en total abandono por falta de interese do sector privado.

«Con este programa recuperamos distintas empresas do sector metalmecánico, alimentar, farmacéutico e químico, entre outros, cos que se está xerando un importante número de empregos no país», afirmou.

Zambrano Mata resaltou que este ano o Ministerio do Poder Popular para as Industrias Lixeiras e o Comercio (Milco) aspira a rescatar outras mil empresas.

Finalmente, comentou que até o día de hoxe o Goberno investiu ao redor de 1,2 billóns de bolívares no rescate deste parque industrial que estaba inactivo.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: