Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Tras a última xuntanza

Suspendidas até primeira hora as negociacións polo conflito do naval

Logo dunha primeira xuntanza infrutuosa entre patronal e sindicatos durante, e unha segunda positiva mais insuficiente, o diálogo repousa por unhas horas. Os traballadores ameazan cunha folga xeral.

FAA - 20:15 10/05/2007
A folga do naval poderíase estender a todo o metal

A folga do naval poderíase estender a todo o metal

Tras unha semana de folga e mobilizacións na rúa, os sindicatos mantiveron este xoves dúas xuntanzas cos empresarios: unha primeira pola mañá, sen avances significativos, "máis alá do simple feito de terse reunido", segundo sinalaron fontes sindicais; e unha outra pola tarde, máis longa do previsto e valorada positivamente por ambas as partes, e que será reanudada ás 8.00 horas do venres.

Ás 10.00 horas do xoves, os representantes dos traballadores -CCOO, UXT e CIG- e da patronal -ASIME e estaleiros- dábanse cita na Delegación de Traballo, no marco da Comisión de Seguimento da Axencia da Bolsa de Emprego (ABE). Tras case tres horas, os sindicatos abandonaron a mesa de traballo, porque "non se pode estar dando voltas eternamente".

Folga xeral

Durante a asemblea informativa, ás portas do edificio da Xunta na Praza da Estrela de Vigo, os traballadores manifestaron o seu cansazo pola actitude da patronal con berros de "Folga Xeral". Os principais puntos de desencontro son o incumprimento do convenio por parte dalgunhas empresas auxiliares e da conversión do 45% dos contratos temporais en fixos, tal e como recolle o convenio.

Pola tarde, unha segunda xuntanza comezou as 17.00 horas. Os representantes sindicais estabeleceran unha duración máxima de dúas horas. A razón era que ás 19 horas, o comité de folga tiño previsto reunirse nos locais sindical cos delegados do metal de todas as empresas do sector.

Avances na xuntanza vespertina
Mais, unha vez finalizado o prazo, os sindicatos manifestaron estar dispostos a seguir negociando, o que facía prever avances na resolución do conflito. Porén, finalmente, a xuntanza suspendeuse ás 20.00 horas, e volverase reanudar ás 8.00 horas do venres.

As centrais amenazaran durante a xornada do xoves que de non haber acordos convocaríase unha folga xeral no sector do metal. Esta afectaría a uns 30.000 traballadores.

A norma estabelece un prazo de cinco días entre a convocatoria da folga e o inicio desta, mais segundo fontes sindicais este período podería ser incumprido, e a folga xeral dar comezo este mesmo venres, dependendo do resultado da primeira xuntanza da mañá coa patronal.


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: