Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Carmen Blanco

Poesía para a paz

A profesora Carmen Blanco, autora dun dos primeiros estudos sobre María Mariño, reflexiona neste artigo sobre a poeta.

Carmen Blanco - 14:35 16/05/2007

Espáiase en paz o tempo
María Mariño

A poeta María Mariño dixo nuns versos fermosísimos "Linme hoxe toda por dentro / ¡Linme!" E sabemos que as persoas que len son perigosas. Como as persoas que pensan. Son perigosas para o poder. Como a poesía. Porque a poesía é liberdade e dinamita pacificamente o poder. Poesía para a paz.María Mariño, unha humilde muller popular, costureira en Noia e muller de mestre nos máis pequenos lugares de Euskadi e de Galicia, desde Elantxove a Parada do Courel, amou ler con amor o mundo, antes mesmo de aprender a ler, por isto foi poeta da vida desde a nenez pobre, sensible e intelixente en Noia ata a morte madura, humilde, sabia e nacida de novo no Courel da escrita da palabra que é vida e que dá vida para sempre.

A poeta María Mariño, como moi certeiramente dixo Novoneyra, que soubo recoñecela desde o primeiro momento, leu moi poucos libros, mais soubo lelos, en lectura profunda, e mais leu e releu o marabilloso libro da vida, o libro da natureza da terra e do mar, e o libro da súa propia vida, do seu propio eu aberto, antilogocéntrico, irracional, surreal, soñador, visionario, multiplicado, sumado ao todo, restado tan só polo non que lle negaba repetidamente a esperanza, que aínda así nunca lle cesaba, e sempre multiplicado, como nacera e se fixera tamén para sempre na nena subversiva que fala destruíndo o sistema da lingua do poder na que ela non está para atoparse na súa fala de seu, na que se fai, nunha exaltación revolucionaria do suxeito antiesencialista e heteroxéneo, como canta no poema que di "Son a suma total / daquel que foi medindo / a pegada aquela que non digo, / pegada que soia se puxo o seu nome. / Son resta da esperanza -diferenza quedou-. / Multiplicada xa nacín, / ¿para que dividirme agora? (...) ¡Terra, alma dona! / Pegada que soia / se puxo o seu nome".

Esta profunda lectura aberta de seu escribe os versos galegos de María Mariño, perfeccionados con absoluto respecto polo tamén profundo sentido poético de Novoneyra, que soubo ver nela a autenticidade da súa voz verdadeira de poeta-pobo, de costureira de clase popular, co don da palabra sabia e visionaria, que ela tomaba directamente da terra do Courel e do mar de Noia e da Marola e das palabras e das músicas populares e pobres das xentes galaicas humildes que traballaban e comían o pan en paz. Desta vella voz ancestral, telúrica e mariña, e á vez do tempo seu da posguerra escura e pobre, noiesa, courelá, coloquial, familiar, popular, feminina... extrae a súa persoalísima voz de poeta acendida, de poeta abisal, de dinamiteira da fala, de subversiva nena que fala dicindo o que sabe sen saber, o que berra desde o silencio da chamada oculta no subtexto e o que berra desde o berro da verba aberta ao que berra a terra, ao que berra o mar, ao que berra a pobre xente pobre que cala, ao que berran as pobres pastoras de desexos de torres altas que tamén calan e ao que berra ela, a nena que no bosque escoita o mar dela e que nos deixou para sempre os berros máis estremecedores da máis alta poesía mariña de absoluto: por riba de nós queda o mar, a poesía; e ondada, ondada ao mar, vivamos e revivamos a poesía.

María Mariño é unha alta poeta de clase popular. Unha sensible e intelixente poeta da vida desde nena. E unha sabia poeta da escrita desde a autoafirmación creativa da madurez courelá, tal como se pode comprobar lendo con profundidade e liberdade Palabra no Tempo, Verba que comenza e Más allá del tiempo. Porque, precisamente, máis alá dos ensaios e as imperfeccións dos libros menos revisados por Novoneyra, escóitase na palabra de María Mariño unha voz propia, nova e distinta a todas, profundamente entraña e estraña, que, non foi comprendida nin aceptada nin admitida polos poderes culturais dominantes, clasistas, sexista e misóxinos, que non a editaban porque vían nela só a impericia dunha muller inculta manipulada polo que foi o seu mestre e mentor e uns seus amigos. Mais tamén houbo sempre unha minoría lúcida e libre que a soubo recoñecer e para a que María Mariño era e é unha poeta de culto. E esta poeta poeta clama na súa poesía pola paz, por que se espalle en paz o tempo no tesouro da natureza e da vida que é o seu e o noso Courel e que son os seus e os nosos mares, hoxe en perigo. Poesía para a paz.


A escritora luguesa Carmen Blanco deuse a coñecer como narradora en Vermella con lobos (2004), recreación de contos clásicos, e como poeta en Estraña estranxeira (2004), unha obra en marcha. A súa heterónima Emma Luaces é autora do poemario Lobo azul (2005). Como ensaísta analizou as relacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura nos libros Literatura galega da muller (1991), Escritoras galegas (1992), Libros de mulleres (1994), O contradiscurso das mulleres (1995), Nais, damas, prostitutas e feirantas (1995), Mulleres e independencia (1995), Luz Pozo Garza: a ave do norte (2002), Alba de mulleres (2003), Sexo e lugar (2006), María Mariño. Vida e obra (2007), Día das Letras Galegas. María Mariño Carou (2007) e Casas anarquistas de mulleres libertarias (2007). Tamén publicou os libros Conversas con Carballo Calero (1989), Carballo Calero: política e cultura (1991) e Extranjera en su patria (2005).

É profesora de Literatura Galega da USC e coordina, co poeta Claudio Rodríguez Fer, a revista Unión libre. Participa no movemento feminista desde os anos setenta e fixo o himno galego da Marcha Mundial das Mulleres. É secretaria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo (ADVF) e tivo a sección "Musa libertaria" na revista Marea negra.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: