Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Poema sonoro

“Pareceume unha poeta fascinante”

A cantante Uxía é autora dunha versión musicada do poema Vogar, de María Mariño, que se incluíu no seu disco Danza das Areas.

Redacción - 17:51 16/05/2007
Uxía / Foto: Cristina Brea

Uxía / Foto: Cristina Brea

Vieiros: Vostede púxolle música a un poema de María Mariño, anos antes de que se lle dedicara o Día das Letras.

Uxía: A versión é do ano 2000. Descubrín a obra de María Mariño a través de Ana Romaní, e pareceume unha poeta fascinante. Fai unha mistura irreverente coa lingua. É unha poeta libre, intuitiva, cunha lírica especial e realmente entusiasmeime coa obra dela. Levei o libro ao meu retiro espiritual onde preparaba o disco, e a canción xurdiu dun xeito natural. De feito, Vogar foi a primeira canción do álbum. Compuxen unha música que tentase respectar o espírito dos temas: María Mariño fala do medo; do avanzar máis alá...

V: E foi un traballo complicado conseguir respectar ese espírito?

U: Non me resultou difícil musicar este tema. Agora, adaptei outros máis para dar un recital en Lisboa. Xa musiquei dous a maiores e, desta vez, resultoume un pouco máis difícil. Creo que hai que ser libre para musicar un poema. Hai que
"Hai que ser libre para musicar un poema"
coller os versos que teñan máis musicalidade e reorganizalos un pouco, pero sempre con respecto pola obra de María Mariño, que é fantástica. É un reto, non é fácil, porque ela inventa palabras; haille que dar un pouco de voltas. É cuestión de oficio; hai que tratar de facelo de xeito sistemático.

V: Ten previsto dedicarlle algún disco a María Mariño?

U: Teño un proxecto que agardo que poida ver a luz, con Ana Romaní. Quizais o ano máis lóxico para sacalo sería este, pero María Mariño é unha poeta que non ten por que cinguirse ao ano das Letras. Quizais saia o ano que vén, cando remate o meu disco e poida afrontar ese proxecto, que para min é moi importante. Contaría coa voz de Ana recitando e miña cantando.

Uxía Fernández Senlle, cantante nada en Sanguiñeda, Mos, é unha das principais precursoras na renovación da canción tradicional galega, tanto en solitario como no grupo Na Lúa, do que formou parte a finais dos anos 80. Actualmente compaxina a música coa crítica no Diario cultural da Radio Galega.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: