Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FESTAS DA ASCENSIÓN

Trinta e un anos xogando á chave en Compostela

Esta sexta feira comeza o Campionato de Chave Libre e por Parellas das Festas da Ascensión, na alameda compostelá, reunindo os mellores xogadores das distintas ligas galegas.

Redacción - 16:14 18/05/2007
Chave coa que se xoga na zona de Compostela

Chave coa que se xoga na zona de Compostela

O campionato, organizado pola Asociación de Xogadores da Chave de Santiago de Compostela, celebrarase entre a sexta e o sábado, dentro das actividades deportivas do programa das Festas da Ascensión compostelás.

A chave é un xogo propiamente galego, aínda que existen outras prácticas de lanzamento e precisión semellantes na península. Para xogar sempre cómpre ter unha chave -de diferentes tipos, pesos e medidas ao longo do país- e uns Pesos ou mallas de ferro que han de deitar a chave. É un xogo no que se pode competir por parellas, equipas ou individualmente -en cada liga de cada zona hai as súas regras- en calquera espazo aberto, aínda que nos últimos anos se teñen construído varios campos especiais para xogar por toda Galiza.

Cunhas regras ou con outras, o importante é deitar a chave, lanzándolle con tino o peso, tamén chamado pello, pella ou peletre.

O regulamento da zona compostelá é un dos máis estendidos polo país, mais non é o único. Os xeitos de xogar á chave diferéncianse por zonas sobre todo nas medidas da chave e dos pesos, e tamén nas distancias do campo.

Liga da Chave nas Eiras

No campionato compostelán parten como favoritas as parellas formadas por Miguel e Puga, Lelo e Casal e Boquete e Nardo, todos eles xogadores da Liga da Chave nas Eiras, a liga de Compostela e comarca, que ten un xogo totalmente distinto do de outras bisbarras galegas.

A Liga nas Eiras, organizada tamén pola asociación Compostelá da que é presidente José Puente, celébrase en varios campos municipais de Compostela, como o situado no parque de Galeras, ou o do barrio do Castiñeiriño, o do Concello de Amio, o de Laraño, n'A Barcia ou en Figueiro, entre outras vilas da bisbarra.

Como cada liga ten as súas normas, non poden competir entre si, e non existe unha Liga Nacional, cousa que lamenta Puente, como voceiro da asociación compostelá, mentres di que os membros das distintas ligas levan anos tentando creala.

Mais, aínda así hai algunha competición na que se xuntan xogadores de varias ligas, como a partida que botan todos os anos os membros das equipas de Compostela, Ourense, Ferrol e A Coruña, polas festas do Corpus, na cidade das burgas.

En canto á Liga das Eiras, nela hai tres citas fundamentais no ano: a das Festas da Ascensión, desta fin de semana; a do Apóstolo, a mediados de agosto, na que compiten as 32 parellas mellor clasificadas na liga; e o Open de Conxo, que está aberto a quen queira participar.

Actualmente, con nove xornadas xogadas, o Bar Casimiro-A é o líder desta liga, con 28 puntos, seguido da Peña Sacho-Bellavista, con 25, e a Casa Mallou con 21, está no terceiro lugar.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: