Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Plan piloto de adianto do 'apagón' cara ao 2010

A Fonsagrada será pioneira no salto do analóxico ao dixital

A Xunta elixe o municipio como "banco de probas" da TDT polo "desafío tecnolóxico" dos seus condicionantes técnicos, poboacionais e orográficos.

Redacción - 10:00 19/05/2007
Presentación do plan piloto, este venres na Fonsagrada

Presentación do plan piloto, este venres na Fonsagrada

O municipio da Fonsagrada converterase en 2008, dous anos antes do previsto, no primeiro punto de Galiza no que se experimentará o paso de tecnoloxía analóxica a dixital. Así o sinalou Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, durante a presentación neste municipio do Plan piloto de adianto do apagón das emisións de televisión en analóxico, que desenvolve o departamento de Comunicación Audiovisual.

Salgado salientou que se trata dun proxecto "pioneiro en Galiza", e que no Estado español só existe unha experiencia similar en Soria, mais "non contaba coa envergadura desta". Esta iniciativa, dixo, representa "un verdadeiro desafío tecnolóxico e loxístico". Así, A Fonsagrada será o primeiro concello do país en contar coa televisión dixital, converténdose "na illa dixital galega", mentres non chegue ao resto das comarcas.

Catro fases

O proxecto desenvolverase en catro fases que se corresponden con diferentes graos de cobertura. A primeira delas estará rematada en outubro deste ano, conseguindo que a cobertura dixital acade o 85%. A segunda remataría en decembro, chegando ao 90% da cobertura dixital.

En febreiro do 2008 acabarase a terceira, conseguindo o 96%, para, no mes de marzo dese mesmo ano, realizar o apagón analóxico, ao acadar o 98%. Neste senso, asegurou que, no primeiro semestre de 2008, todos os veciños da Fonsagrada recibirán as emisións de televisión coa calidade da tecnoloxía dixital.

Así poderán sintonizar calquera das 24 canles actuais de televisións: xerais, musicais e infantís, informativas e deportivas, semi-xerais, de ocio e ficción e canles xoves e novos. Na actualidade, só se dispón de sinal analóxico da TVG.

Deficiencias do sinal no concello

Elaborouse, ademais, un estudo que ofreza un diagnóstico detallado para dar unha solución definitiva ás deficiencias do sinal que padece o concello. Este informe revelou que A Fonsagrada conta cunha densidade de poboación baixa e unha enorme dispersión; hai 4.993 habitantes repartidos en máis de 200 núcleos de poboación que non chegan aos 50 habitantes.

"A Fonsagrada aglutina as peores condicións posíbeis para a correcta recepción do sinal de televisión", xa que os reemisores e microreemisores existentes teñen serios problemas para a recepción, razón pola que este proxecto representaba "un reto".

No conxunto do país, este apagón será unha realidade en 2010, data na que a TDT acadará o 98 por cento do territorio. O proxecto de instalación da tecnoloxía dixital da Fonsagrada será acometido pola empresa Retegal, co apoio da Secretaría Xeral de Comunicación.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: