Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
POSICIONAMENTO DA FEG NO DÍA INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE

Agardando un cambio de rumbo nas políticas de conservación da biodiversidade

A Asemblea Xeral da ONU declarou o 22 de maio como Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Nesta data sinalada, a Federación Ecoloxista Galega segue agardando da administración autonómica un cambio nas políticas de conservación da nosa riqueza biolóxica que garantan a súa supervivencia.

Federación Ecoloxista galega - 09:00 22/05/2007
Tags:

Arestora, a meirande parte dos espazos protexidos no noso país seguen sen contar coas ferramentas de xestión de conservación dos seus valores (Plans de Ordenación dos Recursos Naturais e Plans Reitores de Uso e Xestión); esta carencia é unha das causas de que as agresións que estas áreas están a sofrer (canteiras, incendios, eólicas, infraestructuras de transporte) non se tivesen detido logo do cambio de goberno.

Por outra banda, o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, aprobado con 16 anos de retraso, nace xa obsoleto ao ter que adaptarse á inminente nova lei de conservación da biodiversidade na que está a traballar o Ministerio de Medio Ambiente. Aínda así, é unha boa nova a existencia deste catálogo.

Antes da aprobación deste Catálogo, a Xunta de Galiza sacou a concurso, en resposta a presións da FEG, os plans de conservación dalgunha das especies incluídas no mesmo. Desafortunadamente, o investimento económico nalgún dos mesmos (por exemplo, un estudio de 7 especies de anfibios por 40.000 €) é, na nosa opinión, unha limosna se temos en conta os orzamentos para outros proxectos desa consellería (o Centro de Interpretación dos Parques Naturais de Galiza na cidade de Ourense vai custar 6 millóns de €).

Se a conservación da biodiversidade non se toma realmente como unha prioridade e o eixo da planificación territorial, adicando os recursos humanos e económicos suficientes e necesarios, a anunciada ampliación da Rede Natura 2000 en Galiza seguirá a ser unha mera cuestión de maquillaxe e publicidade nunha Galiza cada vez menos verde.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: