Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO COORDINADOR DE MANCOMUN.ORG

"O cambio da Xunta ao software libre non se pode facer de hoxe para mañá"

Jesús Arribi repasa un ano de traballo no Goberno a prol dos programas abertos. Trescentos voluntarios xa axudan a traducir estas aplicacións ao galego.

Manuel Vilas - 17:02 23/05/2007
Jesús Arribi

Jesús Arribi

Sobre os ombreiros de Jesús Arribi repousa a responsabilidade de conducir a primeira iniciativa da Xunta a prol dos programas abertos. Depois dun ano de traballo, Mancomun.org presenta algúns resultados esperanzadores, como a publicación en galego de OpenOffice.org, Firefox ou Thunderbird, logros conseguidos grazas ás contribucións de máis de 300 voluntarios.

Porén, neste tempo tamén teñen aparecido dúbidas sobre o grao de compromiso real do Goberno Galego co software libre, especialmente a partir das novas de negociacións con Microsoft para meter máis programas da multinacional nas aulas públicas.Arribi, con prudencia, explica que a migración da Xunta cara os programas libres -aqueles que se poden copiar e modificar sen restriccións- non é cousa dun día, senón "unha carreira de fondo".

O aforro de custes a medio prazo e a independencia respecto as empresas de software son os seus argumentos para lograr a popularización das aplicacións libres na administración galega, segundo recolle unha entrevista publicada no portal do PEGSI.

No ano que levan traballando, notaron mellora na imaxe do software libre na sociedade do país?
Isto é unha carreira de fondo, pero si hai cambios, sobre todo nos sectores nos que fixemos máis fincapé. Por exemplo, agora xa hai concellos que nos seus concursos piden que os programas sexan de software libre e as confederacións de empresarios organizan xornadas de divulgación.

E nos políticos?
O cambio na actitude dos políticos prodúcese pouco a pouco. Nas pasadas eleccións autonómicas todos os partidos xa incluían o apoio ao software libre no seu programa dalgún xeito. Agora está no acordo de goberno e está no PEGSI, que se aprobou no Parlamento co voto en contra do PP.

Mancomun.org depende da Consellería de Innovación e Industria, mais o compromiso co software libre é aplicábel a toda a Xunta?

En primeiro lugar, cómpre sinalar que o traballo de Mancomun.org non se centra na Xunta. Somos doce persoas traballando e necesitaríamos o dobre para poder ter un impacto significativo nunha administración tan enorme. En segundo lugar, a migración ao software libre non é algo sinxelo. A Xunta leva moitísimos anos comprando licenzas que ten que amortizar. Non podes cambiar de súpeto porque o custe das migracións pode ser máis caro a curto prazo que as licenzas, aínda que resulta incribelmente máis barato a medio prazo. Pero non é un cambio que se poida facer de hoxe para mañá.

No proceso de creación de programas libres en galego, Mancomun.org quere ser o coordinador de toda a actividade?
Pretendemos ser un punto de encontro das comunidades do software libre en Galiza. Cando se creou Mancomun.org, na parte de tradución xa había grupos de voluntarios cun labor moi importante. Nunca quixemos ocupar ese espazo, o que si tentamos é coordinar, por exemplo, que non se traduza dúas veces o mesmo programa, cousa que aínda sucede hoxe. A coordinación é fundamental e antes non había a suficiente coordinación entre empresas, grupos de usuarios ...

Canta xente está a colaborar na creación de programas libres en Galiza
É difícil dar un só número. Por exemplo, temos máis de 300 voluntarios que traducen no Etrans. Se cada un traduce aínda que só sexa unha cadea ao día, resulta un volume de actividade importante. Dalgún xeito, somos a empresa de software máis grande de Galiza (risas).

Se algún internauta está interesado en botar unha man, como pode facer?
Para xente con perfil máis técnico, poden colaborar na Forxa. Aqueles que queiran axudar a traducir, poden facelo a través de Etrans.

Tes cinco minutos para convencer a alguén de que se cambie a software libre. Que razóns empregarías?

O software libre é tan versátil que depende do perfil do interlocutor. Se fose un usuario final, un cidadán, diríalle que é de uso gratuíto. Se fose un pequeno empresario, diríalle que lle dá independencia, non ten que estar atado a un só provedor que pode fixarlle o prezo que lle pete. Se fose unha administración, un dos principais motivos é que está baseado en estándares abertos. Unha administración non se pode permitir traballar con estándares pechados, que lle obrigan a mercar programas dunha empresa determinada.

Que se pode facer para concienciar aos traballadores públicos que é mellor migrar a programas libres?

Primeiro informalos ben de que o software libre é un xeito de normalizar o galego nas novas tecnoloxías. E é legal, en Galiza non temos a percepción de que o software pirata sexa un delito. Hai que insistir na concienciación, non abonda con chegar co OpenOffice debaixo do brazo e listo. O segundo que hai que facer é formalos, ensinarlles algo así como "o que fago co Microsoft Word como o fago co procesador de textos do OpenOffice.org".

Tedes previstos cursos para persoal público?

En colaboración coa Consellería de Educación, faremos cursos de como migrar cara o OpenOffice. Serán semipresenciais a través da ferramenta de telensino Platega. Xa distribuímos 1.500 Cds deste programa nos centros non universitarios.

Falando do OpenOffice nas escolas, a presidenta de Microsoft Ibérica argumenta que as administracións non deben apostar polos programas abertos na educación, porque, di, limita as opcións dos alumnos de atopar un traballo...

Ela defende o seu negocio e paréceme respectábel, pero está equivocada. Eu diríalle que o que lles hai que ensinar aos rapaces non é a usar un programa concreto, senón os conceptos. Por exemplo, teñen que saber montar unha táboa, non saber que se fas Control+Z+F copias unha fila. Iso non ten ningún valor. Os conceptos na informática son independentes dos programas, ninguén vai ter problemas en atopar un traballo por non ter aprendido a montar táboas no Microsoft Word.

As empresas galegas de software libre están montando unha asociación. Que papel lle toca xogar aos empresarios neste mundo?
Nós cremos que o mercado ten que regularse só aínda que a administración pode ser o catalizador das primeiras etapas. Vemos moi ben que as empresas se asocien. É un gran paso adiante, que se dá porque o sector está maduro. Nós temos rexistradas case 50 compañías con produtos libres no seu catálogo.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: