Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convenio entre o concello e o bispado

Anulan unha operación urbanística nun camposanto de Salamanca

O “pelotazo”, denunciado por Ecologistas en Acción, deulle uns beneficios de 4,8 millóns de euros á diocese.

Redacción - 13:36 24/05/2007
Catedral de Salamanca / Foto: Andrés Milleiro

Catedral de Salamanca / Foto: Andrés Milleiro

O Tribunal Supremo anulou un convenio urbanístico entre o Concello de Salamanca e o bispado para darlle edificabilidade ao cemiterio. A operación fora denunciada por Ecologistas en Acción, entidade que a tachou de “pelotazo máis rocambolesco da historia do urbanismo español”.

O bispado solicitara no ano 2000 o recoñecemento de edificabilidade dos terreos libres do camposanto, despois de que a Junta de Castela e León aprobase unha modificación do plan xeral. Nun principio, a xustificación da diocese era construír un inmóbel para sacerdotes retirados.

O avogado da entidade ecoloxista, Manuel Serrano, calcula que o bispado gañou 800 millóns de pesetas (4,8 millóns de euros) coa operación. O Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León impugnou o acordo entre o concello e a diocese, declarando nula a modificación do plan xeral que permitía a transferencia de solos de distinta cualificación, e obrigando o bispado a entregarlle ao goberno municipal unha parcela de 12.000 metros cadrados.

Aínda que a diocese interpuxo un recurso de casación perante o Tribunal Supremo, este agora respondeu que non hai posibilidade de recorrer. A operación, ademais, non tivo en conta as propiedades da xente que mercou nichos no cemiterio a perpetuidade, pois ao calcular a edificabilidade ignorábanse os enterramentos baixo o solo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: