Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A patronal estima o seguimento nun 36%

Alta participación na folga da construción en Pontevedra e en Vigo

Hai 18 anos que os traballadores do sector non afrontan un paro pola negociación colectiva. A CIG comeza a vindeira semana unha rolda de contactos, e non descarta a folga indefinida.

Redacción - 19:30 24/05/2007
Xosé Xoán Melón diríxase aos traballadores na asemblea deste xoves

Xosé Xoán Melón diríxase aos traballadores na asemblea deste xoves

A folga de dous días na construción de Pontevedra convocada pola CIG para pedir que se retome a negociación do convenio provincial, tivo un seguimento masivo segundo declarou este sindicato. O paro tivo unha maior incidencia nas bisbarras de Pontevedra e de Vigo, onde se produciron manifestacións.

Pola súa banda, a Asociación Provincial de Empresas da Construción, APEC, calculou que o paro foi seguido durante a mañá do xoves por un 36% dos traballadores, en base aos datos achegados por 150 obras da provincia.

Maior seguimento o segundo día

O secretario nacional de Construción da CIG, Xosé Xoán Melón, afirmou que a folga "se consolidou" na segunda xornada de folga, cun maior seguimento que o primeiro día.

Esta situación, segundo engadiu, "permitiu abrir o ámbito de actuación" a zonas dos arredores de Vigo e doutras bisbarras como As Neves e Arbo, ademais doutros puntos nos que xa a cuarta feira se rexistrou actividade, como é o caso das bisbarras do Morrazo, Baixo Miño ou as localidades de Pontevedra e Porriño.

A APEC réstalle valor ao paro

Pola súa banda, a patronal sinalou que a maioría das obras que permaneceron paralizadas foi debido á acción dos piquetes, e localizáronse nas áreas de Pontevedra e Vigo, así como no Porriño e no Morrazo. Segundo concretaron, en Sanxenxo e a zona de Arousa a repercusión non foi especialmente importante "malia as numerosas obras que están en curso".

No entanto, a CIG considera que APEC non é unha asociación con representatividade xa que, dunhas 5.000 empresas do sector que hai na provincia "eles teñen 105 socios", explicou Melón.

Ás 12.30 horas os manifestantes reuníronse en asemblea na Porta do Sol e mantiveron cortado o tráfico, durante algo máis dunha hora, no tramo da Rúa Policarpo Sanz, entre Colón e Porta do Sol, onde se atopa a sede de APEC.

Apertura de contactos

A próxima semana, a CIG comezará unha rolda de contactos coa Administración, patronal e os sindicatos CCOO e UXT, estes últimos contrarios a unha folga que achacan a intereses políticos da central nacionalista.

"Se non recibimos unha resposta", afirmou Melón, "manterase a convocatoria de folga indefinida para a segunda quincena de xuño", ante a que asegurou o respaldo do sector, que engloba unhas 45.000 persoas na provincia, e que había 18 anos que non se mobilizaba.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: