Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Traiñeiras

Cabo da Cruz revalida o seu título de campión galego

A equipa gañou con autoridade a última proba do campionato celebrado en Rianxo durante a fin de semana. O Náutico de Vigo gañou en feminino absoluto e a equipa de Chapela en xuvenís.

Redacción - 17:21 28/05/2007
Xa hai novos campións nacionais nas categorías feminina, sénior e xuvenil

Xa hai novos campións nacionais nas categorías feminina, sénior e xuvenil

A traiñeiriña dos de Cabo da Cruz mantívose en primeira posición toda a regata, a pesares de remar pola calle de fóra, onde máis pegaba o vento do norte e onde máis frío facía. Os da equipa do Meira, que partían como principais rivais dos do Barbanza, non puideron facer nada en toda a competición.

A equipa dos de Boiro, o Cabo da Cruz comezou a remar con forza dende o comezo e deu axiña popa aos rivais, dedicándose no resto da proba a vixiar aos outros competidores, sabedores de que o título xa estaba nas súas mans.

A clasificación na categoría sénior masculina ficou deste xeito: 1º. Cabo da Cruz, con 14:25.89; 2º. Meira, con 14:34.87; 3º., con Tirán 14:39.95; 4º., con Mecos 14:46.39, 5º. Cesantes, con 15:52.53.

Nas categorías feminina e xuvenil tamén hai novos campións galegos

Tamén a competición feminina estivo emocionante mais o Náutico de Vigo, con 17:00.69, ficou por diante das do Meira, que rebasaron á equipa feminina do Cabo da Cruz na mesma liña de meta. Chapela e Mecos chegaron despois.

Nos xuvenís, Chapela exerceu un dominio abafante dende o comezo da proba, cun crono de 15:21.48. Amegrove e Meira loitaron toda a competición polo segundo posto, que por uns poucos segundos foi para os do Grove. A seguir entraron Cesantes e Perillo, que ficaron no cuarto e quinto posto respectivamente.

De toda a competición, só as dúas primeiras equipas das categorias sénior e xuvenil irán a vindeira fin de semana a Xixón (Asturias) a desputar o campionato estatal. Das mulleres irán as cinco equipas participantes.


Ligazóns

4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: