Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VIII Encontros de Música Tradicional

Viva a xente nova e a xente vella que non morra!

Este sábado 2 de xuño quen queira gozar da festa ten que achegarse ao mosteiro de Carboeiro, no Deza. Alí, á beira do río, no bosque que arrodea o monumento, "encóntranse" persoas de todas as idades e de todos os lugares coa música e a festa máis auténticas.

Redacción - 18:45 28/05/2007

Xa están outra vez abrindo o mes de xuño os Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, a oitava edición dunha cita imprescindíbel para quen queira saber o que é a festa: comer, beber, gozar do río Deza e o entorno máxico do mosteiro, compartir parolas, botar unhas pezas, e, sobre todo, música, moita música, "até que o corpo aghuante", como din dende a asociación cultural Santa Ferreña.

O espírito

A asociación debe o seu nome a unha santa ben curriña que inaugura o evento coa súa procesión. Sen nada que ver coas iconas da cristiandade ás que estamos afeitos, Santa Ferreña leva un paniño na cabeza e unha pandeireta na man, e, aínda que xa vai moi velliña, o sorriso non o perde nunca. Este sábado 2 de xuño, os devotos e devotas desta santa da esmorga congregaranse en Carboeiro para renderlle homenaxe como a ela máis lle gusta, que é gozando da foliada. Nos Encontros non hai público e grandes estrelas, senón que a clave é, precisamente, encontrarse, uns con outros no corpo de baile, nas voces, que cantan e aturuxan infatigábeis até que sexa día, no son incansábel das ferreñas a repenicar. Alí todos e todas contan, "a festa nace da xente ou non é nada", como din os máis veteranos nesta cita.

A festa

Así, á unha do mediodía, o entorno do Mosteiro de Carboeiro acolle a "sesión vermú", coa procesión da Santa Ferreña e actuación de títeres: a compañía lalinense Seisdedos presenta Dueto de fío. Nesta simpática montaxe, os títeres celebran un pequeno festival con folklore de todas as partes do mundo, aínda que hai un grupo de hare krisnas que fará de todo por reventar a festa, e despareceralles a raíña do musical Holly-Body.Tamén poderemos gozar das exposicións "Con media vara de tea", organizada por Luís Prego, Toño López e Fuen Nieto, coa colaboración de Brincadeira, as pandeireteiras Veña que vai e o grupo de baile Albendeira.

Tamén poderemos gozar das achegas do museo da marioneta e Casa do Títere de Lalín, e coñecer os instrumentos de percusión tradicional e zanfonas de Carlos do Viso (Redondela), ou a percusión do compostelán Xosé Tuñas. E non acaba aí a feira, xa que tamén poderemos descubrir os misterios do pirogravado, a talla en corno, madeira e óso por medio do lume, do Taller Abrente (de Queixas, Cerceda). Máis artesanía con Ana Sánchez, da Coruña, que traballa a tella, e coas figuriñas de fimo de Pili Silva, de Compostela. Por último, Arte Javier amósanos macramé e calidoscopios.

Xa ás tres, cando empeza a haber fame, terá lugar un xantar popular como é debido: comida, café, chupiños e, como non, unhas cantigas e uns bailes para baixalo todo. E ás 18.00 haberá xogos tradicionais para os cativos e para os que non son tan cativos, e Contos caladiños, contos que non falten, na voz de Pura Iglesias Espiño, da Residencia da 3ª Idade Nosa Señora das Dores de Lalín, e "Celsiño" Fernández Sanmartín. E ás 20.30, o grupo da Terceira Idade da aula municipal de teatro "Ánxel Casal", de Arzúa, preséntanos A nosa Minia, baseada en Minia, de Manuel Lugrís Freire, "drama nun acto en prosa" publicado en 1904, unha das pezas coas que botara a andar, a comezos de século, a Escola Rexional de Declamación, estreada no Jofre de Ferrol. Xa o ano pasado foran as rapazas e rapaces da mesma Aula Ánxel Casal de Arzúa os que arrasaran coa súa representación d'O pazo, tamén de Lugrís. Pero as actuacións non acaban aí: todo o mundo pode coller unha pandeireta, botar unha copla, sacar uns puntos e seguir de festa toda a noite. Podemos montar a tenda de campaña á beira do río Deza, aínda que a experiencia di que realmente non se dorme... Esta fin de semana, os VIII Encontros de Música Tradicional agardan por nós cos brazos abertos en Carboeiro.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: