Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
JORGE COIRA, DIRECTOR DE CINEMA

"Segue a ser raro ver unha muller en postos relevantes"

Jorge Coira é director de cine. O seu último traballo é o documental colectivo Qué culpa ten o tomate e proximamente dirixirá a película para televisións Ollos de auga. Unha entrevista de Diego Ameixeiras.

TEMPOS Novos - 08:00 30/05/2007

Señor Coira: é vostede desa clase de persoas que entenden as películas de David Lynch?

Depende da película. Lembro algunha na que entendín practicamente todo.

Dicían que Samuel Fuller pegaba un disparo cun revólver cada vez que empezaba a rodar unha secuencia. Non me diga que vostede toma valerianas.

Non tomo valeriana, non. Impediríame sentir esas cóxegas tan especiais que se senten o primeiro día de rodaxe.

Cales son os directores que máis admira?


A lista é interminable. Cada director é un mundo e hai moitos mundos interesantes. Pero por dicir algúns: Stephen Frears, Víctor Erice, Eric Rommer, Wim Wenders...

Vai dirixir vostede a adaptación para televisión da novela Ollos de auga, de Domingos Villar.


Si.

Pero no que levamos de ano, aínda non se rodou nin unha longametraxe en Galicia. Que mal anda a cousa, non?


Algo si. Pero non se trata dun problema en Galicia, é un problema europeo. E, con todo, aquí non é tan terrible; pensa que o ano pasado estreáronse nove longametraxes de produción maioritariamente galega.

Filmaría un guión sobre o 11-M asinado por Jiménez Losantos?


Si! Pero só se puidese facer unha triloxía que seguise cunha comedia sobre a Noite dos Cristais Rotos escrita por Goebbels e unha peli de debuxos animados -tipo Bambi- escrita por Franco. Ben... non, en realidade non o faría, non...

Dicía Octavio Paz que "moita luz é como moita sombra, non deixa ver".


É unha frase preciosa e moi sensata, pero... cal era a pregunta?

Desculpe. Varios estudos coinciden en sinalar que a conselleira Ánxela Bugallo é unha das galegas máis desexadas. Cre vostede na erótica da subvención?

Moitos estudos sinalan que as mulleres son menos violentas cós homes e, aínda así segue a ser raro ver unha muller en postos relevantes -e así nos vai-. Ánxela Bugallo non é a única persoa atractiva que se dedica á política pero non penso falar dela neses termos. E respecto ás subvencións, parécenme útiles pero "eróticas"... Non, non estou tan enfermo.

Recoméndenos unha película rara para impresionar ás amizades.


Tren de Sombras
de José Luis Guerín. A min pareceume unha película preciosa, pero a verdade é que cando a vin nunha sala, fun o único que non abandonou antes de que acabase. E como levou un bo feixe de premios, queda ben dicir que che gustou.

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: