Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avelino González, actor e contacontos

"O patrimonio inmaterial galego-portugués ten que seguir vivo e vibrante: está nas nosas mans"

Todoterreo da escena, Avelino González é un dos contadores que colaboran con Ponte nas Ondas. Velaquí as súas respostas a algunhas inquedanzas dos rapaces.

Redacción - 09:00 03/06/2007

Avelino González é un todoterreo da escena. Avelino é tamén un contador experimentado, e ademais acumula varios premios de interpretación. No teatro témolo visto nos últimos anos en producións como Tarará.chis-pum, do Centro Dramático Galego, ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, tamén do CDG. Ademais, posúe un longo historial de aparicións televisivas, desde Mareas Vivas a A vida por diante, pasando por Rías Baixas ou Homo-Zapping, e tamén no cinema, a última no filme Sen rumbo. Máis sobre el na web AvelinoGonzález.com.

Preguntan os rapaces:

Cal é o teu conto preferido?
Depende do momento en que me collas. Gústame un meu no que os electródomésticos dunha casa se revoltan. Outro popular de cando o cego deixou de ver, o xordo de ouvir, o mudo de falar, o tolleito... lindo lindo. Gústanme especialmente aqueles nos que a alguén se lle cumpre un soño, e que fai con el? por exemplo aparéceseche o xenio cos tres desexos, que lle pides? e que lle deixas de pedir? e que pasa despois con iso? Grandes desastres, grandes virtudes... as mais das veces grandes ridículos.

Ás veces o que fago é refacer unha historia tradicional, traela ó hoxe e revirala ó meu gusto. Esta tempada, contando para maiores sempre conto o de Cristobalito pisafondo que sen ter dezaoito anos nin carnet, xa sabe conducir e soña que conduce, por fin, o seu coche favorito... como se aparca nos soños? hai guarda civil onírica? Cos rapaces gústame o verso, é dicir, botar sortes (unela, duela, trela... unilla de sila de cascarabilla...) Pero van cambiando. Quero facer agora un popular galego dun concerto de animais, xa che contarei.

Que che gusta máis, o cine, a tele ou o teatro?
Todo. O ideal é que se organicen para poder facer de todo de forma que cando me aburre algún deles podo ir a outro sen pasar polo paro. É que todo ten o seu encanto. O teatro o directo, claro, e ese aquel de que os espectadores saben que eu non non quen pretendo ser pero eles acéptano e están dispostos a deixarse emocionar por min. É dicir, no teatro actores e espectadores constrúen o espectáculo xuntos, uns "simulando" e outros crendo. Pero para iso a "simulación" ten que ser moi boa, case verdadeira. O espectador non é parvo, hai que darlle cousas interesantes para que as crea, senón abúrrese e un artista nunca pode aburrir.

A televisión é rápida, coma un lóstrego, tes que espabilar, ser intelixente e facer e decidir en moi pouco tempo, ter toda a túa sapiencia actoral preparada para ser usada en calquera momento de calquera forma. Parece que se fala de improvisar, non si? Pero non. é que a tele ten uns prazos moi axustados, e o traballo do actor ten que axustarse tamén ós prazos. Hai que ser igual de bo, pero selo en menos tempo. Actúas para unha, dúas ou tres cámaras- a veces máis. E tes que estar para todas. Non agobia, as cámaras déixanse querer, pero son elas as que marcan os ritmos, non coma no teatro.

O cine dáche mais tempo, pero é moi esixente. Coma na tele, non tes ó espectador diante túa, actúas para unha cámara (agora empézase a traballar con mais dunha), pero esta cámara é unha e indivisible, e moi absorbente, tes que estar só para ela e darllo todo a ela, cos teus compañeiros de plano, pero ela manda, e se mentes, se non actuas de verdade nótase. Imaxina que tes que facer que estas namorado de alguén, a cara que poñas vaise ver nun tremendo pantallón catro, cinco, seis veces mais grande do normal, como o actor actriz non o faga ben, ti desde a butaca vas notalo e vas dicir "que malo!" Por que a cámara é unha chivata. Pero hai trucos para todo, anque eses non chos explico agora.


Que che parece Ponte nas Ondas?
Moi bonito, disfruto moito de Ponte nas Ondas como espectador. Ademais de traballar aquí contando historias, disfruto oíndo programas, cancións, e todo o que se fai desde as escolas. Moitas veces alucino co que sae dalgunhas escolas. Ao traballar ca tradición pasa o que pasou sempre ca
tradición oral cando aínda non se escribía. Os contos, as lendas, as historias, nunca se contaban igual, evoluían ca persoa que as contaba, e ca persoa que as escoitaba e logo as cntaba á súa maneira, así a tradición sempre era contemporánea. Logo chegou a escrita que fixa todo, e está ben.
Pero todos os que participades en Ponte nas Ondas! estades actualizando ese material porque o facedes interesante e divertido para os que vivimos aquí agora.

Moi interesante, por que se revitalizan e actualizan cousas que moitos poderían pensar desfasadas, vellas e mortas, pero con puntos de vista contemporáneos, de agora. Eu vou descubrindo moitas cousas (contos, lendas, costumes, palabras, camiños, persoas,...) que na vida se me ocorrería.
Moi divertido, porque é un rebumbio no que hai xente moi distinta traballando ó seu xeito, coordinados sen saber exactamente como. Un caos creativo disparatado e brillante

Cal é a túa historia de aventuras preferida e por que?
Puf! É que eu cas preferencias concretas son un desastre. Ademais a min sempre me gustou Xulio Verne, 20.000 leguas de viaxe submarina é maravillosa, sobre todo porque eu aprendín a nadar con trinta e dous anos e na piscina universitaria de Santiago. "O señor dos aneis" que cando o lin fascinoume tanto que non me atrevín a ver ningunha das pelis. Por contraste con isto tamén che diría a vida de Serafín Mourelle patrón de pesca no Gran Sol, esta é de verdade.


Cres que o patrimonio inmaterial galego-portugués ten futuro?
Si oh, claro que ten. O que non sei é cal. Se seguimos por esta liña de Ponte nas Ondas, e por outras, sen complexos, con naturalidade, pero con constancia e con gusto, estou seguro de que non morrerá senón que seguirá vivo e vibrante. Está nas nosas mans.


Que habería que facer para mellorar as relacións entre Galiza e Portugal?
Seguir o camiño marcado por Ponte nas Ondas! e seguir a tradición. A relación tradicional entre Galiza e Portugal é de contrabando. Porque os estados van a modo. Así que para que esperar por un autobús que non sabes se vai chegar, camiña, que así se non chegas si que te achegas. O contrabando superaba todas as barreiras fonéticas e xeográficas e usábaas a favor, no río aquela barca podía estar pescando ou pasando aceite, aqueles dous podían estar falando de gando ou traficando gado. Os cobradores de impostos eran os celosos de que todo fose claro e evidente... para xerar impostos. Pero os impostos non son necesarios para o comercio.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: