Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Ducias de colectivos apoian a marcha contra Reganosa

"Defendamos a vida, a ría e a legalidade"

Aos berros de "Planta de gas fóra da ría" ou "Liberdade para Bastida", milleiros de persoas acudiron á manifestación deste domingo en Ferrol.

Redacción / EP - 17:10 03/06/2007

Durante máis dunha hora escoitáronse nas rúas ferrolás frases coma "somos cidadáns, non somos terroristas", "en Teixeiro, ten que estar Tojeiro" ou "a ría é nosa e non de Reganosa",. Nas pancartas lemas como "a verdade non se cala nin con porras, nin con balas, Ameijeiras dimisión" ou "defendamos a vida, a ría e a legalidade".

O Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol subliña que a planta de gas de Reganosa non cumpre a legalidade vixente, ao estar anulada a súa declaración de impacto ambiental polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentenza recorrida pola empresa e a Xunta de Galicia ao Tribunal Supremo. Lembran tamén que non existen plans de emerxencia exterior, que en caso de accidente os buques metaneiros non poderán abandonar o interior da ría e que, a xuízo do colectivo, a instalación non podería iniciar a fase de probas actual por non finalizar as obras.

O manifesto lido na Praza de Armas referiuse a Reganosa coma "o maior desastre" da época actual, e o maior exemplo de "corrupción política, mediática e económica da democracia". Ao fío, os convocantes recordaron o espírito do Nunca Máis, para asegurar que, como no caso do Prestige, tamén coa planta de gas "os cidadáns, en ausencia e sen o amparo das administracións, tivemos que tomar a iniciativa".

Ao respecto, cualificaron a construción desta planta como "a maior fraude cometida no país" e advertíronlle ao actual executivo e ao goberno español de que teñen a responsabilidade de que" non se converta na maior traxedia". Rexeitan ademais que a problemática da planta de gas se solucione con acordos económicos cos mariscadores polas perdas provocadas ao sector pola actividade de Reganosa, xa que "o diñeiro non poderá pagar o perigo en que poñen os cidadáns".

"Bomba" de reloxería a pé das casas
"É unha bomba dentro da ría". Así definen desde o Comité Cidadán de Emerxencia a planta construída a pé das casas no interior da ría ferrolá. Malia as presións políticas e empresariais, os cidadáns non renuncian á reivindicación e o peirao ferrolán é escenario este domingo dunha nova mobilización contra a planta de gas. Desta volta, a marcha incluíu tamén o lema "Liberdade para Bastida", lembrando que o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol está preso despois da denuncia de Reganosa polas presuntas perdas causadas polas accións dos mariñeiros para frear a entrada dos buques cargados de gas.

Reganosa forzou xa a entrada de dous buques coa fin de realizar probas na planta de gas. Desde o Comité lembran ao respecto que coas obras sen finalizar esas probas non deberan ser autorizadas e denuncian que Reganosa incumpre os trámites de seguridade necesarios. Por outro lado, desde a Xunta recoñecen que a planta non dispón de plan de emerxencia, aínda que lle atribúen a responsabilidade ao Ministerio de Industria, que non ten prevista a existencia de tal plan até que as obras estean completamente rematadas. Por este motivo, desde o Comité Cidadán insisten en solicitar a dimisión de Francisco Barroso, director da Área de Enerxía e Industria, dependente deste ministerio, quen asinou unha autorización solicitada pola empresa que os veciños cualifican de "ilegal".


4.92/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: