Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Constituída a comisión parlamentaria

O BNG critica a falta de vontade do PSdeG para regulamentar o voto emigrante

O PPdeG, ao igual que os nacionalistas, defende que os emigrantes poidan elixir representantes de seu, mentres que os socialistas din que este punto cómpre ser axustado ao marco constitucional.

Redacción - 19:28 04/06/2007
Xuntanza inaugural deste luns no Parlamento

Xuntanza inaugural deste luns no Parlamento

O deputado e voceiro de emigración do BNG, Iago Tabarés, e o portavoz do grupo, Carlos Aymerich, manifestaron o seu desexo de que a ponencia para regulamentar o voto emigrante -constituída este luns- poña fin "antes de 2008", á situación de "vergoña" e "indignidade" que se produce cada vez que hai comicios electorais, como os do pasado 27 de maio.

Na conferencia de prensa posterior á constitución da comisión -que se volverá reunir este venres-, os nacionalistas criticaron ademais ao PSdeG por "non ter présa" en modificar as condicións do voto dos residentes ausentes, e reclamáronlle aos seus representantes que "se mollen".

Aymerich insistiu en que de existir vontade por parte dos tres grupos poderíase deseñar un calendario que garanta chegar a tempo para os comicios de 2008, de non ser así, de demorar o traballo “por réditos electorais”, insistiu en que se corre o risco de que a sociedade demande a eliminación deste voto.

O obxectivo do BNG é que os emigrantes poidan votar en urna e "excepcionalmente" a través de correo e que se creen circunscricións electorais no exterior. Sobre se se debería de limitar o voto aos residentes ausentes, o voceiro nacionalista sinalou que do que se trata e de ver "por que un galego que está en Canarias non pode votar aquí e si outro que ten a dobre nacionalidade e que está en Arxentina".

Postura do PPdeG

Pola súa banda, o deputado do PPdeG, Aurelio Miras Portugal, indicou que "son máis os puntos que temos en común que os que nos separan" respecto a este tema, e sinalou que os populares tamén defenden a creación dun marco representativo propio para os emigrantes.

Respecto a que vexan limitado o seu voto, Miras Portugal dixo que "non estamos a falar de súbditos; son tan españois e galegos coma nós e polo tanto teñen os mesmos dereitos". Ademais, cuestionou as críticas respecto á implicación dos emigrantes na política municipal. "O seu interese é en ocasións é moito maior do que demostran algúns dos residentes nos concellos de orixe onde se rexistran cotas de até o 50% de abstención"

O representante do PPdeG na comisión, xunto con Xosé Manuel Castelao, avogou por garantir o voto en urna "sempre que sexa posíbel", e por correo naqueles lugares onde non se poidan habilitar colexios electorais ou as distancias impidan exercer presencialmente este dereito.


Por último, criticou os que pensan que "os galegos do exterior son parvos e que, como son parvos, pódeselles enganar". "Non queiramos darlles clases de democracia a persoas que levan votando toda a vida nos países en que residen", recalcou. Ademais, en referencia a aprobación dunha reforma electoral denantes das xerais de 2008, indicou que "non depende só do noso Parlamento senón tamén das cortes de Madrid".

Marco constitucional

O deputado do PSdeG e representante do seu partido na comisión xunto con Marisol Soneira, Xaquín Fernández Leiceaga, subliñou que de suscitárense outros asuntos neste relatorio, como a titularidade do dereito de sufraxio ou as circunscricións no exterior deberán de contar cun "consenso interno" e de ser factíbeis "dentro do marco constitucional".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: