Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
CRÍTICA

"Lo que es mío": María Mariño no seu ano

A crítica literaria Teresa Seara fai unha semblanza de María Mariño (Noia, 1907-Parada de Moreda, 1967), a figura á que este ano se adicou o Día das Letras Galegas, a partir dos títulos publicados este ano de ou arredor da autora.

TEMPOS Novos - 08:00 06/06/2007

Á marxe dos debates que suscita cada ano a celebración do Día das Letras Galegas -tan firmemente defendida a súa necesidade por Darío Xohán Cabana cando di, no limiar ao Dicionario María Mariño de Esperanza Mariño Dávila, que “Eu creo que ningún país do mundo ten unha institución como esta: que cada ano unha gran parte da potencia de fogo da artillaría filolóxica do país se centre na persoa dun único escritor. Así se vai formando, ano tras ano, con terrible eficiencia, un canon poderoso, case sempre acertado, levándolles eficazmente a contraria ós ventos negros da historia que se opoñen á construción da nación galega, e convertendo a literatura nosa nun verdadeiro territorio liberado”-, é esta festa un factor dinamizador de primeira orde do mundo editorial que nos fornece un monllo de obras sobre María Mariño (Noia, 1907-Parada de Moreda, 1967), a figura homenaxeada nesta ocasión.

Adiantábase Xerais a outubro de 2006 para reeditar a Obra completa un volume que, preparado por Victoria Sanjurjo Fernández, xa vira a luz en 1994. Nel figuran os dous únicos libros en galego que escribiu María Mariño: Palabra no tempo (1963), poemario publicado por Uxío Novoneyra e Verba que comenza, libro póstumo que, por varios atrancos, estivo sen saír do prelo até 1990 e ao que se lle engaden seis novos textos (catro viron a luz en A Trabe de Ouro e outros dous inéditos). No estudo que acompaña aos poemas, a editora repasa os temas centrais da obra de María Mariño a quen integra dentro da corrente do intimismo radical, resaltando a presenza nos seus versos dunha “mística materialista” (que Carmen Blanco explica dicindo que “a poeta é o mesmo mundo e a terra a súa propia palabra, nunha poética mística do devalar constante na fusión dolorosa”), as innovacións na linguaxe (sempre á procura da “palabra luz” de aí que Arcadio López-Casanova fale dela como a dona da “palabra alcendida”), a fusión do eu coa terra (que exerce un “papel redentor” como afirma Patricia Arias Chachero na introdución á Antoloxía poética dos textos de María Mariño) e o advenimento, sobre todo no segundo libro, da enfermidade que anuncia a morte (ese “raro e valiosísimo mundo escuro” que lle atribúe Méndez Ferrín).

Mais a figura de María Mariño estivo, aínda en vida da autora, moi mediatizada polas diversas “versións ou visións” -como as denomina Carmen Blanco en María Mariño. Vida e obra- que outros, sobre todo Novoneyra, nos achegaron dela toda vez que o seu illamento no Courel e a mala saúde lle impediron a súa integración no mundo literario da época. Así, certos detalles biográficos desta muller “do doce nome tinxido de solpores de adeuses en froumas de navíos” (como a alcumou Otero Pedrayo no prólogo de Palabra no tempo) están reiteradamente presentes na Biografía de María Mariño de Xerardo Agrafoxo, no libro de Carmen Blanco, na introdución de Patricia Arias Chachero á Antoloxía poética, no prólogo que fai Helena González para Más allá del tiempo e no Dicionario María Mariño como acontece, por exemplo, co tema da súa verdadeira idade. A poeta naceu en 1907 aínda que, para evitar os prexuízos sociais ao ser oito anos maior que o seu home, indicase na súa acta matrimonial a data de 1918 que ela defendía como certa. Outro mito que se desbota é o feito de ser unha creadora casual carente da vontade de publicación. Así, á altura de 1965, é ela mesma quen lle envía a Ánxel Fole un volume en castelán, Más allá del tiempo, para que llo prologue e vexa de editalo aínda contando coa opinión contraria de Novoneyra. Este libro, publicado por Alvarellos, constitúe a sorpresa editorial do ano e recolle un conxunto de prosas e poemas que se dividen en catro bloques temáticos: relatos autobiográficos da infancia (propia ou allea), oracións, poemas existenciais sobre a vivencia da paisaxe como conformadora do individuo e unha miscelánea de exercicios de estilo. A través del descubrimos a unha autora sensibilizada cos que sofren cando fala da guerra e das súas marcas, a una prosista buscando disolver os límites espazo-temporais e a unha poeta onironauta que procura a lucidez a partir da interpretación literaria dos soños pero tamén, igual que na obra galega, persiste aquí a agonía e a vulnerabilidade do ser fronte ao paso do tempo. Así María Mariño ganduxaría na soidade dos tesos cumes do Courel unha obra máis ampla do que se pensaba a priori coa paciencia de quen foi, como lembra a Cantiga da costureira poeta de Xosé Agrelo Hermo (póstuma e fermosísima edición que se acompaña coas ilustracións de Alfonso Costa), costureira antes de descubrir no pazo de Goián -herdado pola súa tía- o engado da literatura. E así, a “dinamiteira da fala” (como dixo Novoneyra), a “do labre salobre” (para Avilés de Taramancos) , a que foi considerada heterónimo e invención de Novoneyra, a subversiva, quen procurou acubillo no “mundo dos furados” e deixou escrito “Señor: / si truecas mi corazón,/ no le quites lo que es/ mío” deféndese fronte á negación do tempo.

Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 129, maio de 2007)


3,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: