Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén ao programa 'Familias acolledoras'

Vicepresidencia dálle pulo aos centros de atención á dependencia

O Consello da Xunta aprobou a sinatura de dous convenios un co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e outro coa Cruz Vermella.

Redacción - 14:55 07/06/2007

O primeiro dos acordos pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar encamíñase ao financiamento dos equipamentos de atención á dependencia. En total, a Xunta destinará 1,34 millóns de euros para financiar os gastos dos centros de día e residenciais municipais xestionados a través do Consorcio.

Estes centros son quince, inicialmente: os primeiros concellos nos que se porá en marcha este sistema de xestión son Boiro, Carnota, Oleiros, Ortigueira, Outes, Monforte, Ribadeo, Coles, Rairiz de Veiga, Taboadela, Cerdedo, As Neves, Portas, Valga e Vigo. Porén, ao longo deste ano poderán incorporarse outros centros próximos ao seu inicio de actividade, pendentes dalgunha pequena obra ou do seu equipamento, ou os centros dependentes de concellos que no decurso do ano se adhiran ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O criterio de repartimento dos fondos ten que ver co tipo de centro, os diferentes custos do mantemento dos servizos e instalacións; o número de prazas; a prestación ou non dos servizos de comedor ou lavandaría sobre rodas; e a superficie útil de cada un dos centros, como elemento obxectivo de valoración dos custos de calefacción, seguranza ou enerxía eléctrica, entre outros.

Familias acolledoras


A Vicepresidencia asinou tamén un convenio coa Cruz Vermella, polo que investirá 397.000 euros na posta en marcha do programa de familias acolledoras, para ofrecer un servizo de atención temporal a menores en situación de desprotección social, proporcionándolles un
ambiente normalizado que permita evitar o seu acollemento residencial. Pola súa banda, Cruz Vermella achegará 69.760 euros.

Os fillos e as fillas menores de familias que atravesen unha situación de desestruturación poden ser acollidos por algunha das familias participantes no programa, para non teren que recorrer ao ingreso en residencias, e poderen manter unha relación diaria normal coa súa propia familia. Do mesmo xeito, os e as menores que estean en institucións e non poidan ir coa súa propia familia poderán gozar do programa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: