Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Acordo entre o PSdeG e o BNG

Tamén haberá bipartitos na Coruña e en Lugo

A xuntanza do venres á noite rematou cos atrancos que existían para garantir a gobernabilidade nas dúas cidades.

Redacción - 10:23 09/06/2007

O pacto concretado o venres á noite entre o PSdeG e o BNG aplicarase tamén nas cidades de Lugo e da Coruña, que foran os últimos atrancos para chegar ao acordo final. Segundo aseguraron fontes nacionalistas, as dúas cidades terán alcalde socialista e tenente de alcalde do BNG.

No resto das cidades manterase o esquema de alcaldía para a forza máis votada das dúas e a tenza de alcaldía para a segunda, agás en Ferrol, onde o PSdeG-PSOE gobernará con Esquerda Unida. As áreas de goberno repartiranse equitativamente en función dos resultados electorais. Serán as agrupacións municipais as que decidan.

Programas comúns
O acordo pechado o venres tamén foi a nivel programático. Os gobernos de coalición deberán cooperar en materia de servizos sociais coa Xunta, impulsarán o uso da lingua propia, garantíndolles a todos os cidadáns o seren atendidos nela, e reservarán solo para vivendas de promoción pública, o 30% nos concellos de máis de 20.000 habitantes e o 40% nos de máis de 40.000.

Ademais, os dous partidos comprometéronse a impulsar un novo modelo territorial que se basee nas comarcas, as rexións e as áreas metropolitanas, aínda que sen chegar a suprimir as deputacións.

A dirección do BNG amosou a súa satisfacción polo acordo, porque «hai compromisos concretos», e porque se opta pola fórmula das coalicións nas grandes cidades do país, estendendo o modelo do bipartito.

Máis de 70 concellos con coalicións
O acordo pechado entre o PSdeG e o BNG pretende «impulsar a creación de coalicións» nos máis de 70 concellos do país onde se abriu esta posibilidade nas pasadas eleccións municipais. Así o anunciaron o coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, e o secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Ricardo Varela, despois dunha xuntanza de tres horas, a sexta das comisións negociadoras.

Jorquera explicou que co acordo se impulsa «a creación de gobernos de coalición nunha serie de concellos e asegurar, en calquera caso, a gobernabilidade no resto». «Estamos a falar dun acordo marco, dun marco de referencia», que se concretará nas negociacións locais, afirmou.

Tamén terá que agardar ao luns a definición do modelo para as deputacións de Lugo e da Coruña. Durante a fin de semana iráselle dando forma a ese documento, onde se recollerán «clara e exhaustivamente» os termos do pacto.

O pacto a nivel galego facilitará as negociacións en cada concello, aínda que segue a haber problemas en termos coma Foz, Vimianzo, O Carballiño, Corcubión, Porto do Son ou Mugardos, onde os socialistas anunciaron que non votarán polo candidato do BNG.


4.25/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: