Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Críticas do PP

O BNG ratifica o pacto e recoñece a perda de votos urbanos

O Consello Nacional aprobou o acordo co PSdeG-PSOE coa abstención do Movemento pola Base.

Redacción - 16:51 10/06/2007

O acordo marco negociado o venres polo BNG e o PSdeG segue a provocar reaccións durante a fin de semana. O Consello Nacional da formación nacionalista ratificou o pacto practicamente por unanimidade o sábado, con 69 votos a favor e catro abstencións, as do Movemento pola Base.

O BNG avaliou positivamente o acordo, do que dixo que se puido pechar finalmente grazas a que o PSdeG «deu marcha atrás», mentres que os nacionalistas defenderon «con firmeza» a súa participación nos gobernos de todas as cidades. Malia isto, criticaron a actitude dos socialistas e alertaron sobre o incumprimento de anteriores pactos.

Os representantes do Movemento pola Base amosaron o seu desacordo con pactar cos socialistas, ao consideralo negativo para os intereses do BNG. A executiva da formación presentou, ademais, un documento en que destacou a suba experimentada nas zonas rurais e semiurbanas e recoñeceu a perda de voto urbano.

Reacción do Partido Popular
Pola súa parte, o PPdeG criticou o acordo que asinarán o luns o PSdeG e o BNG para gobernar máis de 70 concellos. O secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, asegurou que o único obxectivo das outras dúas forzas políticas é manter o poder na Xunta, o que podería dar nun deterioro nos servizos públicos de xestión municipal.

Rueda critica nun comunicado que, xa que os socialistas e os nacionalistas non concorreron aos comicios en coalición, «o lóxico e o máis democrático» sería que gobernase a lista máis votada. En 34 dos concellos onde probabelmente goberne a coalición PSdeG-BNG, o Partido Popular foi o que obtivo máis sufraxios.

Tamén se amosou convencido de que «as dificultades de cohabitación non tardarán en aflorar, tal como sucede na Xunta», asegurou o secretario xeral do PPdeG.


4.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: