Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: “PARÍS MAIG 1968. CARTELLS ORIGINALS”

A Imaxinación ao servizo da Mensaxe

O Maio do 68 non foi só unha consigna: a imaxinación ao poder. Foi un exercicio revolucionario, foi un ensaio de Comuna daquela comuna que xa se practicara no 1870. Foi traballo, loita, comunicación.

Lito Caramés - 21:30 10/06/2007

Un agradable paseo polas esculturas que veñen de ser instaladas na Rambla de Catalunya, pode rematar de xeito natural e lúdico na Galería Sargadelos. As esculturas do polaco Igor Mitoraj están cheas de imaxinación na fidelidade aos modelos, de forza na monumentalidade, de mensaxes. Semellante aos cartaces do Maio parisiense.

A que se refire Sarkozi cando di que o maio do 68 acabou? A que non se pode consentir a unidade de estudantes e traballadores? A que non pode haber millóns de traballadores e traballadoras na rúa, pasando dos dóciles sindicatos, en folga un mes, ocupando fábricas e practicando a autoxestión?

Agora chega a nós unha colección de 36 carteis dos que se deseñaron e pegaron obsesivamente vai xa para 40 anos. Algúns cálculos falan de que se fixeron afiches a partir de 400 motivos diferentes, e que alcanzaron o medio millón de copias. Os que colgan das paredes de Sargadelos son orixinais da colección da Galería La Caja Negra (Madrid). Trátase dunha manifestación do traballo que se fixo aqueles meses de levantamento revolucionario. Curiosamente nestes días a Galería La Caja Negra presenta en Madrid obras de J. Beuys, o mestre da performance, entre as que destacan serigrafías, gravados e carteis. A Galería Sargadelos de Barcelona xa estivo noutras ocasións decorada con traballos de ilustración, graffitismo e cartelismo. Para lembrar: Can Palleiro, David Pintor ou La Historieta Gallega.

Nos intres críticos (unha guerra, unha revolta, unha crise tipo “Prestige”) semella que o grafismo cobra toda a importancia comunicativa. Así aconteceu en Rusia, despois de 1917, onde grandes artistas participaron masivamente no grafismo revolucionario. Algo similar é o caso da II República Española. Desde que os fascistas se sublevan e comezan o que se coñece como a Guerra Civil Española, o cartelismo é unha das armas para transmitir mensaxes á poboación. Aquí en Cataluña, e máis concretamente en Barcelona, temos casos interesantísimo, como sucede con Fontseré, que fixo carteis para a UXT, para a FAI, para o POUM...

Iso mesmo aconteceu en París, a grande eclosión grafista, o traballo incesante de centos de persoas por crear as melloras iconas, por inflamar a revolución nos peitos de millóns de francesas e franceses. A destacar a gran forza expresiva que alcanzan moitos deles. E como souberon, naqueles anos en que o mundo non era tan visual nin tan icónico coma hoxe, buscar a sinxeleza das imaxes para provocar a potencia da mensaxe. Non esquecer, de todos xeitos, que daquelas un tal Herbert Marshall McLuhan andaba predicando desde Canadá que “The Medium is The Message“ (O Medio é a Mensaxe).

Moitos dos afiches que ofrece a Galería Sargadelos son “de rabiosa actualidade” polos motivos expostos e denunciados. Por exemplo: “Haute a l'expulsion de nos camarades etrangers” . Hai dous que falan deste problema. Igual que agora!

De certo o máis impactante, o que case pode ser aceptado como un logotipo daquel mes de 1968 sexa o que simplifica a imaxe dun policía (o flic) atacando, e coas SS no seu escudo. Estes días precisamente os Mossos d'Escuadra non se libran e críticas e de valoracións negativas sobre as prácticas e xeitos que usan contra a cidadanía. (Esa nova materia que vai estudar a xuventude nos institutos, Educación para a Cidadanía, tamén lla aprenderán aos corpos represivos??).

Hai referencias a obras anteriores. Lembrar que no 68 o mundo gráfico era outra cousa do que é hoxe. No cartel titulado “Vache a lait / Vache enragée” A vaca enrabiada ten parentesco co touro que Picasso deseña para o Guernika. O Guernika é o primeiro graffiti importante da Arte europea?

Aquel ano celebráronse Olimpíadas en México. Pois tamén un dos carteis alude ao feito, e xoga coa revolución mexicana e mais co cine: “QUE VIVA MEXICO” Por baixo do escrito unha máscara antigas e os aros olímpicos.

Pero o grafismo do maio parisiense non está fóra da realidade na que se facía. Serve ao movemento revolucionario e ten os seus obxectivos e elabóranse nas novas condicións sociais que se estaban a ensaiar. Así imos vendo como moitos carteis levan un carimbo que pon: "ATELIER POPULAIRE EX-BEAU-ARTS” ou "ATELIER POPULAIRE EX-ECOLE DES BEAU-ARTS". Son producidos por estudantes, traballadores e profesores da Escola de Belas Artes, que foi socializada e convertida nun taller popular. O traballo era bastante artesanal, vese nas impresións dos cartaces, e as técnicas variadas. Unha das máis usadas é a serigrafía.

Outra coincidencia desas que o azar, cada día máis necesario, nos brinda. En Vigo a Fundación Barrié exhibe “Carteis para un século”, unha escolma de carteis do s. XX, con obras de artistas tan coñecidos (verdadeiros magos da publicidade e da forza da mensaxe) como: Toulouse Lautrec, El Lissitzky, Andy Warhol ou Oliviero Toscani.

EXPOSICIÓN: PARÍS MAIG 1968. CARTELLS ORIGINALS

Galería Sargadelos Barcelona
Provença 276 | 08008 Tlf./Fax: 93 2150368

Até o 16 de xuño
Horario: 10,30 a 13,30 h. e de 16,30 a 20,30 h.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: