Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG

"O acordo marco non contempla ningunha singularidade para Lugo e A Coruña"

O máximo representante nacionalista na negociación co PSdeG, comenta con Vieiros algunhas das claves dos pactos de goberno nos concellos.

F. Arrizado - 13:12 11/06/2007
Francisco Jorquera

Francisco Jorquera

O pasado venres á noite, socialistas e nacionalistas chegaban finalmente a un acordo marco a nivel nacional que lles permita formar goberno nos 71 concellos do país onde ningunha forza política acadou a maioría absoluta, e a suma de concelleiros do PSdeG e do BNG posibilita unha alcaldía de esquerdas.

Que valoración global fan do resultado final da negociación desde o BNG?

O acordo marco é satisfactorio por varias razóns. En primeiro lugar dá como resultado a consecución duns criterios programáticos comúns, que para nós era o principal motivo desta negociación; non consistía nun simple repartimento do poder. Tratábase de darlle resposta ao pedimento da cidadanía, que o pasado 27 de maio decidiu non outorgarlle maioría absoluta a ningunha forza política nas localidades máis importantes do noso país. A sociedade apostou por gobernos de coalición, cun programa en común e con dous referentes políticos.

E en segundo lugar, constátase que a translación do mapa político estatal -con dous grandes partidos diferenciados- a Galiza fallou.

Cal son os puntos clave do acordo marco? Que vai suceder en Lugo e na Coruña?

O acordo marco de goberno estabelece -e leo textualmente- a vontade do BNG e do PSdeG para formar goberno nas cidades da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Non se contempla ningunha singularidade con respecto a Lugo e A Coruña. O que si contempla é certa flexibilidade para que nestes concellos, se as dúas forzas se poñen de acordo, cheguen a contemplarse outras formulas para a formación de goberno.

Mais insisto, non se recolle singularidade ningunha nas cidades. Existen unhas directrices comúns fixadas, isto é: a alcaldía para a forza máis votada das que conforman a coalición; a segunda forza máis votada ostentará unha tenencia de alcaldía única; o reparto de áreas será proporcional ao numero de concelleiros acadados por cada un dos dous socios de goberno; e estabelécense uns principios comúns de gobernabilidade, é dicir, un único programa, mais coas características específicas de cada forza.

Semella que esta flexibilidade a que fai referencia deixa en papel mollado o acordo marco nas cidades de Lugo e A Coruña, onde o PSdeG aparentemente quere ir por libre...

Non é así. O acordo marco está aí e estabelece unha directrices de referencia claras. Se o PSdeG-PSOE en Lugo ou A Coruña prefire gobernar en minoría e contar con apoios do PP en temas puntuais estaría a romper o pacto e a incumprir a vontade do electorado. O que parece é que algúns aínda non asumiron que perderon a maioría absoluta... De calquera xeito será algo que deberá de solucionar internamente o propio PSdeG-PSOE.

Que vai ocorrer naqueles outros concellos como Corcubión, O Carballiño, Chantada ou Foz onde a priori podería haber problemas para que BNG e PSdeG se poñan de acordo?

É certo que nalgúns concellos, malia que existe unha clara vontade de que o acordo marco se cumpra, o grao de conflictividade existente entre os grupos municipais pode dificultar unha coalición de goberno. Porén, isto tamén quedou reflexado no acordo marco, onde se di que no resto de concellos (fóra das cidades antes citadas) tratarase de formar coalicións de goberno ou nos seu defecto acordos de gobernabilidade.

A quen vai beneficiar máis o pacto, ao PSdeG ou ao BNG? Non corre risco o Bloque de ser 'fagocitado' polos socialistas?

O acordo a quen beneficia máis é á sociedade. Eu coido que non hai perigo de que ocorra esa situación de 'fagocitación'; a propia práctica vénnos a dicir que non é así. O PSdeG-PSOE partía nestas últimas eleccións municipais coa vantaxe de estar á fronte da Presidencia da Xunta, no entanto os resultados do BNG foron bos, xa que conseguimos cotas máis elevadas de representación, e malia que é nas autonómicas onde historicamente acadamos mellores resultados.


4.22/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: