Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Tempo morto en Ourense

Losada-Tello 1, Laxe-Orozco 0

Os líderes do BNG e do PSdeG na Coruña mantiveron esta terza a súa primeira xuntanza, mentres que en Lugo, malia o previsto, non. En Ourense as negociacións están paradas.

FAA / EP - 18:53 12/06/2007
Anxo Quintana, tras a sinatura deste luns

Anxo Quintana, tras a sinatura deste luns

Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSdeG nas cidades da Coruña e de Lugo comezaron esta terza os contactos co obxectivo de formar unha coalición de goberno, en base ao acordo marco a nivel nacional que asinaron este luns as dúas forzas políticas.

Porén, namentres que na vila herculina a reunión fixo espertar o "optimismo" tanto do socialista Xavier Losada como do nacionalista Henrique Tello, segundo manifestaron ambos políticos, na amurallada, o primeiro encontro previsto para pola mañá tivo que ser suspendido logo de que o candidato do BNG á alcaldía, Xosé Anxo Lage, non se presentase á cita.

Humilde, mais non vasalo

Segundo Lage, a ausencia debeuse a que os nacionalistas consideraban que o despacho do alcalde non era o lugar axeitado para inaugurar as negociacións. Ademais, sinalou que en ningún momento se lle deu 'plantón' a Xosé Clemente López Orozco, candidato do PSdeG e alcalde en funcións de Lugo, tal e como denunciou o socialista ante os medios de comunicación alí presentes.

"Orozco era coñecedor desta circunstancia dende o luns ás 19.00 horas". "O que aínda non asumiu é que perdeu a maioría absoluta e que as imposicións remataron neste concello", engadiu, ao tempo que indicou que "o BNG vai ser humilde, mais nunca vasalo". Porén, os socialistas achacaron a ausencia de Laxe ás "loitas internas" do Bloque, entre os "representantes moderados da Esquerda Nacionalista" e "os independentistas da UPG".

Intercambio de misivas
Fontes do BNG sinalaron que pouco despois recibiron unha carta de Orozco: "Estimado Anxo, ante a inexistencia da xuntanza pídoche que poñas as condicións para que teña lugar a xuntanza", e engadía unha posdata onde facía saber que "teño sempre conectado o meu teléfono".

Esta carta foi inmediatamente respondida polo BNG: "Prezado Xosé Clemente, tal e como che comentei, estamos dispostos a manter unha xuntanza en calquera lugar que acordemos de mutuo acordo", e tamén levaba ao seu pé unha posdata na que se dicía que "tamén eu teño sempre conectado o meu teléfono".

Con bo pé, na Coruña

Con mellor pé comezou a rolda de contactos entre nacionalistas e socialistas na cidade da Coruña, se ben é certo que a de esta terza feira non foi máis que unha toma de contacto entre os dous candidatos á alcaldía, Xavier Losada e Henrique Tello, que serviu para intercambiar programas e estabelecer un borrador baseado no acordo marco nacional.
Será o xoves previsibelmente, segundo membros das dúas formacións, cando haberá un debate real das propostas, logo de que sexan debatidas nesta cuarta feira polas executivas de BNG e PSdeG na Coruña.

Losada, asegurou que o seu máximo obxectivo é garantir "a estabilidade", e cualificou de "longa, frutífera e intensa" a reunión con Tello. Porén, matizou que non descarta ningunha opción de goberno. "Os cidadáns dixeron que querían que gobernase o PSdeG e que non querían maiorías absolutas". Neste senso, lembrou que esta cuarta feira manterá un encontro co líder do PPdeG na Coruña, Carlos Negreira "para ver que pode ofrecer", aínda que "até o de agora non ofreceu moito".

Henrique Tello, pola súa banda, sinalou que a súa percepción tras a primeira xuntanza con Losada é "optimista", malia que tamén matizou que prefire "non dar nada por feito até que non estea asinado". "Son optimista porque o acordo marco ampara e favorece unha coalición na Coruña", sentenciou, aínda que tamén engadiu que "hoxe (por esta terza) non houbo acordos noutros termos fóra do pacto de ámbito nacional".

Alto no camiño, en Ourense

Por outra banda, as negociacións do pacto de goberno entre BNG e PSdeG na cidade de Ourense están paradas. Esta terza non houbo reunión xa que, segundo indicaron fontes consultadas, existe un desacordo na repartición de áreas para a próxima lexislatura.

Os socialistas pretenden que a alcaldía socialista -de Francisco Rodríguez- asuma as competencias de Comunicación, Participación Cidadá e Festival de Cinema, fronte á competencia de Réxime Interior -inclúe Persoal- que iría a parar a tenencia de alcaldía do nacionalista Alexandre Sánchez Vidal.

Reparto desigual, segundo o BNG
O PSdeG, con oito concelleiros, aspira a dirixir as concellarías de Urbanismo, Infraestruturas, Termalismo, Medio, Educación, Economía e Emprego. Dese xeito, o BNG, con seis edís, encargaríase de Cultura e Festas, Deportes, Sanidade e Normalización Lingüística.

Os nacionalistas desexan unha repartición máis equitativa, que reflicta mellor os resultados obtidos nas eleccións do 27 de maio, e manexan unha alternativa para presentaren na vindeira mesa de negociación.


Documentos

3,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: