Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Luís Sabariz, candidato do PSdeG en Pontecesures

"Non somos nin tránsfugas nin díscolos"

O candidato socialista explica para Vieiros que estaba disposto a renunciar e facilitar o pacto se o facía tamén o cabeza de lista dos nacionalistas.

Redacción - 17:05 18/06/2007

Luís Sabariz, candidato do PSdeG en Pontecesures, concedeulle unha entrevista a Vieiros este luns. Poucas horas despois, o seu partido anunciaba publicamente que rachaba toda vinculación cos tres concelleiros socialistas deste municipio e que quedaban separados da disciplina da organización. A dirección provincial dos socialistas apostou hai meses por Sabariz como candidato á alcaldía. Sabariz era até aquel momento edil da Agrupación Cidadán de Pontecesures e a súa elección causou malestar entre a militancia socialista local.

"A nosa oposición é a Luís Álvarez Angueira, non cara ao BNG", explica Luís Sabariz. O candidato do PSdeG asegura que a dirección do partido era consciente desta postura desde hai meses. Sabariz formaba parte dunha lista independente que foi contactada a finais de 2006 polo PSdeG e que decidiu finalmente a integración no partido, malia que nin el nin o outro edil saído das urnas para o PSdeG fixeron carné do PSOE, manténdose como independentes baixo as siglas do partido.

Subliña que cando en xaneiro lle advertiron á dirección socialista do posíbel conflito cun acordo global PSdeG-BNG, desde a executiva aseguráronlles que non contaban con ese escenario poselectoral. Na súa opinión, a necesidade de repensar a estratexia chegaría despois de caídas como a da Coruña ou Lugo, e esa sería explicación para a estrita belixerancia contra os que non seguiron o pacto mesmo nun concello cativo coma o de Pontecesures. Así e todo, Luís Sabariz agradécelle ao PSdeG a confianza durante a campaña electoral e asegura que seguirá pedindo o voto para esta formación no futuro.

María Isabel Castro, quen con 205 votos fora a única concelleira escollida da lista Independentes por Pontecesures, converteuse o pasado sábado en alcaldesa grazas ao apoio dos dous concelleiros socialistas e dos tres do PPdeG. O incumprimento do acordo marco asinado polas direccións de PSdeG e BNG apartaba así do bastón de mando ao nacionalista Álvarez Angueira, alcalde durante os últimos anos.

Non haberá trasacordo a curto prazo
Sabariz, quen na súa anterior lista independente apoiou durante varios anos o goberno do BNG, insiste en que a experiencia de goberno á beira do propio Angueira reafirmouno na idea de que o Concello precisaba un cambio e acusa o alcalde saínte de clientelismo, contratacións a dedo e obstáculos ao labor da oposición. Recoñece que nos últimos días producíronse contactos co Bloque para tratar de recompoñer o pacto pero salienta que o propio Angueira se negou a estar nesas reunións. "Eu ofrecín que se el marchaba, tamén renunciaba eu", indica Sabariz, asegurando que tratou até o último momento de buscar unha solución. Ao tempo, non descarta que a medio prazo e nese caso o pacto sexa posíbel entre PSdeG e BNG.


3.75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: