Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
RAMÓN MÁIZ, CATEDRÁTICO DE CIENCIA POLÍTICA

"En España estamos a construír un estado federal, pero non se pode dicir"

Dous días despois do 27-M, no seu despacho da facultade de Ciencias Políticas, Ramón Máiz acepta o convite de TEMPOS e arrisca interpretacións electorais de urxencia con todas as reservas do académico por diante. A análise precisa acougo e a paisaxe política do país, insiste o profesor, é complexa de máis para un mangado de preguntas no gume da actualidade. Con todo, baixa a música (clásica), pecha a porta e senta a respostar as primeiras preguntas. Véntaselle que agarda a ocasión perfecta para saír do retrato fixo e furar nos procesos e nos discursos. Por enriba de todo, o presidente da Fundación Iniciativas XXI, o think tank dos socialistas galegos, quere falar do bipartito. Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Quico López.

TEMPOS Novos - 08:00 21/06/2007
Ramón Máiz, no seu despacho na facultade de Ciencias Políticas

Ramón Máiz, no seu despacho na facultade de Ciencias Políticas

O PP non vai gobernar ningunha das sete grandes cidades galegas, mais sube alí en número de votos. Perde peso a equiparación do voto urbano co voto de cambio?

O PP sube nas cidades e o PsdeG amplía a súa presenza no rural. Hai un cambio de xeografía electoral, e iso acontece porque hai un electorado urbano ideoloxicamente conservador, un electorado ao que non se lle pode aplicar xa a dependencia clientelar do rural e que si é interpelábel dende estratexias electorais de ámbito estatal. Por iso xogaron un papel fundamental temas non locais como o de ETA. É a estatalización da política municipal. Hai electores que votan por disciplina, por ubicación ideolóxica ou por lealdade de partido, independentemente do candidato. E logo hai candidatos, claro, tampouco non o podemos esquecer, que teñen gancho ou que fixeron campañas fortes, como poden ser Corina Porro ou Telmo Martín. Con todo, o que cómpre subliñar é que aquelas amplísimas zonas da Galicia rural que estaban eternamente con voto cautivo experimentan un cambio importantísimo.

Entramos nun periodo sen maiorías absolutas?

Si, e vese moi claro na mensaxe do electorado de esquerdas: desexa gobernos bipartitos, de coalición. Este dato é fundamental, e penso que non se está a insistir o suficiente. A coalición ás veces interprétase en termos de necesidade, e coido que hai que interpretala como unha vontade expresa do electorado. Por que demanda coalición? Porque desconfía das maiorías absolutas, de calquera, e porque a coalición permite máis control e máis participación, isto é, máis política e máis goberno municipal. Ollo, digo política, non xestión. Falo de novo municipalismo: máis discusión, máis participación, máis política deliberativa, toma de decisións, negociación... Aí hai unha mensaxe soterrada pero moi profunda que interpela ás prácticas dos partidos: non se trata de ver, como acontece decote, cal dos partidos é quen de capitalizar os logros no regate corto e no plano mediático. A mensaxe é outra. De feito, aínda que non teño base científica, penso que mentres o electorado de dereitas suspira polas maiorías absolutas, o de esquerdas demanda coalicións, quere outra política, máis política, política forte, democracia no sentido pleno.

Ao tempo, sen mariorías absolutas, os partidos libéranse dos liderados locais.

Dentro desa mensaxe do electorado de esquerdas hai tamén un certo desapego polos líderes locais de vello, aos que todo lle está permitido, que gobernan por enriba dos partidos, reinos de taifas que desafían a liña oficial do partido. Son pan para hoxe e fame para mañá, porque desestruturan e esnaquizan territorialmente os partidos. Ten que haber debate, mais tamén disciplina. Non se trata de que non haxa candidatos potentes, cousa fundamental, pero ese que se sitúa completamente á marxe e pensa que o seu éxito depende de disimular que pertence a un partido, até o extremo de empregar mensaxes equívocos, ese é tremendamente desnortador.

Pode haber na baixa do BNG un castigo a ese doble rol de goberno e oposición?

O BNG, ao meu ver, resistiu perfectamente ben. Baixa un pouco nas cidades, mais aguanta no rural. O problema aí, para min, é que hai un partido afeito á oposición, cunha superoferta de autodeterminación por unha banda e un discurso máis oficial pola outra, marcado pola necesidade constante de evitar que haxa unha distancia sideral ou unha ruptura entre o ideario político e o programa que presenta aos cidadáns. Non pode ter un ideario onde a autonomía sexa puramente accesoria porque a súa implicación na Xunta e nos concellos esixe xogar en serio. Non pode ter un discurso de autoconsumo, para a militancia, e outro, que non ten nada que ver, para o exterior. Supoño que está nese proceso de transición e que Anxo Quintana reforza ese cambio. Un non pode cambiar de programa sen cambiar de cultura política, e ao mellor o BNG no que vai en retraso é precisamente en axustar a cultura política da militancia, que tende a ver todo isto como unha concesión, como unha perda das esencias nacionalista, o que reflexa tamén unha idea prepolítica, culturalista e organicista de nación.

Impón a UE, como espazo de goberno multinivel, a superación dos discursos soberanistas en favor de estratexias concretas de acceso aos recursos?

O concepto de soberanía é un concepto obsoleto dende a propia Revolución Francesa. Dende a perspectiva do estado constitucional, e xa non digamos dun estado federal ou dunha Unión Europea federal, renqueante pero federal, temos que pensar, non en termos de soberanía nin de estados nin de novos estados máis pequenos que saen deses estados, senón nun sistema de goberno multinivel e en rede. Aí non hai lugar para un concepto teolóxico secularizado como o de soberanía, que se corresponde coa omnipotencia divina e é debedor desa idea de que hai un lugar único, último, prístino e orixinario de depósito do poder político. A propia modernidade liquidou a visión tradicional, sempre xerárquica, de buscar o último punto e ver a quen situamos alí, se ao monarca ou ao pobo ou á nación, no cumio dunha sorte de pirámide. Esta maneira de pensar pasou á historia, temos que pensar na distribución do poder entre distintos ámbitos territoriais e en termos de horizontalidade, de rede. Fronte á concentración, pluralidade de centros.

Todo isto ten moito que ver coa súa visión do federalismo.

Hai toda unha tradición federalista, que é a que eu demando para a UE e para España, que formula federalmente a multinacionalidade, non en termos de soberanía ou de autodeterminación no sentido unilateral senón de solidísimo autogoberno, non meramente administrativo senón con plenitude de competencias e recursos, aínda que tamén coa participación en proxectos máis amplos que implican cooperación e tamén conflito e competición. España sería un deses proxectos para Galicia, federal e multinacionalmente, ollo, nada que ver cos modelos de Alemaña ou dos Estados Unidos, e Europa sería outro. Cómpre resemantizar o nacionalismo. Co vocabulario da soberanía, e con todos os conceptos que hai detrás, estamos simplemente a invertir as teses do estado nacional, é dicir, estamos a pensar en espazos interiores homoxéneos nunha reconstrución a escala do estado nacional, e todo estado nacional é un estado nacionalizador. Porén, se pensamos na perspectiva federal, prescindimos da soberanía e da ecuación do estado nación. Acabáronse os espazos aclarados etnica e culturalmente, temos que asumilo, e iso é perfectamente compatíbel con entender que hai unha cultura específica, unha lingua, unha unidade cun desexo político. Mesmo se pode ir cara a unha reformulación da autodeterminación, mais non nesa perspectiva unilateral na que descargamos sobre un suxeito identitario supostamente homoxéneo toda a filosofía absoluta do suxeito. Iso é o nacionalismo: aplicar ás nacións os conceptos kantianos de autodeterminación e autogoberno, pensados para a absoluta autonomía do suxeito.

Trátase de descargar o nacionalismo de retórica identitaria?

O caso de Escocia é extraordinariamente interesante. Cal é o peso da retórica identitaria no nacionalismo escocés? Ningún. Rompeuse, sobre todo dende o Partido Nacionalista Escocés, con ese nacionalismo de retórica identitaria, de purismo, para empezar a pensar en termos estratéxicos e políticos de construción nacional e de impacto na UE. En definitiva, iso é achegarse a unha visión federal. En Canadá ou en Escocia a opción secesionista ou independentista é residual, fica para o caso de que fracase a convivencia dentro dunha estrutura federal de pleno recoñecemento de lealdade. Unha cousa é iso e outra cousa é pensar na autodeterminación como única meta. Iso impide conseguir obxectivos políticos, económicos, sociais e culturais concretos. É preciso deixar de pensar que a nación está aí, como un suxeito á procura de expresión. Se pensamos que a nación é algo que se fai día a día, na política ordinaria, que non é algo dado senón algo que se constrúe, entón todo cobra sentido e xa non estamos nunha fase táctica, a esperar o día do gran advenimento, senón a traballar na construción nacional.

Con todo, o acceso das rexións ao poder na UE aínda está mediatizado polos estados e, sobre todo, pola autonomía que esas rexións teñan no estado ao que pertencen. Podemos falar do caso escocés precisamente porque ten institucións de autogoberno. Que acontece co resto?

Si, claro, hai unha división extraordinaria e capacidades moi distintas, mais Europa, en canto sistema de goberno multinivel, tira precisamente pola federalización dos espazos. Alí non se está a construír un estado, é algo distinto. Coa pirámide non entenderemos nada. Europa non é Bruxelas. Europa está nos concellos, na Axenda 21, nas comunidades autónomas, e cada vez máis. Non só non hai concentración senón que hai descentralización, devolución de poderes, apoderamento das comunidades, a alí onde haxa unha nacionalidade histórica, cunha diferenza cultural, unha mobilización e uns partidos propios, é un factor extraordinariamente potente para conseguir o autogoberno.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


4,33/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: