Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CON PRETO DE 500 EMPREGOS DIRECTOS

O Grupo Lácteo Galego tería un sitio entre as 20 primeiras empresas do país

A concentración das empresas autóctonas tería capacidade para unha facturación ben superior aos 300 millóns de euros

Redacción - 12:01 22/06/2007
Tags: grupo Leite
En Galiza hai máis de 14.000 familias que viven de producir leite

En Galiza hai máis de 14.000 familias que viven de producir leite

Aínda que se falou de darlle entrada a capital foráneo, as partes están convencidas de que é posíbel sacar adiante un grupo exclusivamente galego. Leite Río e Feiraco, coa unión da moito máis pequena Colaga, poden acadar un nivel de facturación anual moi superior aos 300 millóns de euros. Isto significaría que o novo proxecto entraría entre as vinte primeiras empresas do país

A importancia estratéxica desta concentración é clara. O grupo resultante pasaría a estar na lista das vinte empresas que máis facturan en Galiza. A aposta xeraría preto de 500 postos de traballo directos, ao que habería que sumar a máis que posíbel creación de pequenas empresas auxiliares.

Os contactos entre Leite Río, Feiraco e Cooperativas Lácteas de Galicia (Colaga) continúan cos responsábeis de Medio Rural como promotores das conversas. Tal e como sinalabamos nunha información anterior, as dúas caixas galegas teríanse comprometido coas partes a apoiar a operación.

Aínda que as fontes oficiais se negan a facilitar ningunha información ao respecto das negociacións do Grupo Lácteo Galego, estas están cada vez máis avanzadas. Algunhas voces, as máis optimistas, apuntan que o peche do acordo pode ser só cuestión de semanas pero outros sinalan que hai punto importantes por concretar.

O que si semella claro é que a principal aposta é polos produtos con valor engadido, algo que demandaron, ao fío das informacións xornalísticas, sindicatos coma Unións Agrarias. Tanto as empresas coma a consellaría son conscientes de que é preciso deixar de producir leite barato para terceiros e intentar crear plusvalías do produto.


Ligazóns

4.9/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: