Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Internet rimachiy kichua

A rede fala kichua e aimara e záparo e...

A rede é aliada das linguas en perigo. As novas tecnoloxías son unha plataforma para as linguas indíxenas.

Aida Sánchez / Canal Solidario - 11:16 25/06/2007

Sabías que existen 30 diferentes palabras para a cor branca en Inuik, que o kichua ten dúas formas de dicir ‘nós’, coñeces as diversas formas que toman o pronome ‘ti’ en tiwi? No mundo existen máis de 6.000 linguas, a maioría condenadas ao esquecemento e máis do 50% deles están o perigo de extinción, segundo alertan os expertos.

Enfrontadas á cultura occidental e á presenza dominante de idiomas como o castelán, portugués e inglés, as linguas indíxenas como o kiliwua en México, o ona e o puelche en Arxentina ou o ditamarí e o berba en África, apenas sobreviven polo uso que fan delas pequenos grupos de persoas, na súa maioría anciás.

Pero tamén hai outras como o kichua, o aymara ou o guaraní, cuxo futuro parece máis prometedor, pois en conxunto fálanas máis de 10 millóns de persoas e moitos gobernos apadriñan a súa existencia con distintos programas educativos, culturais e sociais. As novas tecnoloxías, ademais, convertéronse na gran esperanza para a súa difusión e promoción.

Aínda que para algunhas internet e as novas tecnoloxías favorecen a homoxeneización da información e marxinan ás linguas indíxenas, a verdade é que nos últimos anos non pararon de aparecer iniciativas novas que conseguiron sacar a moitas linguas indíxenas das súas aldeas.

Infinitas posibilidades
Editar un blog en kichua , aprender o Pitjantjatjara australiano a través de gravacións online ou coñecer as expresións máis utilizadas do guaraní son algunhas das posibilidades ás que se poden asomar os internautas.

Filólogos e lingüistas lanzáronse a crear webs con información e recursos sobre as linguas coas que traballan e gobernos e Estados comézanse a implicar para tratar de frear a desaparición das súas linguas indíxenas, o que para moitos é considerado un "xenocidio cultural".

Esta mesma semana, a Organización de Países Non Aliñados (NOAL) aplaudiu na UNESCO unha iniciativa do goberno venezolano encamiñada a protexer as linguas indíxenas a través das novas tecnoloxías. A iniciativa venezolana fortemente vencellada a internet e á creación de redes de comunicación en liña recibiu o respaldo de numerosos países, entre eles Colombia, Honduras e Guatemala, países cun importante compoñente lingüístico indíxena.

O embaixador de Venezuela en Francia, Jesús Arnaldo Pérez, explicou que hai que utilizar calquera plataforma que estea dispoñible para salvar as linguas. "O noso deber é salvagardar un patrimonio cultural de incalculábel" valor universal, rexional e local", afirmou.

Outras entidades, como a Academia da Lingua Kichua, con sedes en Cuzco e en Ecuador, apostan tamén polas novas tecnoloxías. "A rede de redes foi xerme dun gran movemento de revalorización do idioma e a cultura indíxena, xunto co movemento de reivindicación social e política en América Latina", explican desde a Academia de Ecuador.

Asociacións de apoio ás linguas indíxenas de Perú tamén teñen unha forte presenza en internet. "No noso país existen arredor de 80 linguas e dialectos. Moitos deles están por desaparecer. Así como a xente se preocupa por conservar o Chan Chan ou o Machupichu, tamén se deberían preocupar por este patrimonio non tanxíbel. A través de internet podemos pór en marcha campañas de concienciación e sensibilización, ademais de difundir a beleza e variedade das nosas linguas", explica Modesto Gálvez Ríos, da Dirección Nacional de Educación Bilingüe Intercultural de Perú .

A Universidade Iberoamericana Cidade de México tamén se sumou ao carro das novas tecnoloxías para traballar na difusión das linguas indíxenas. "Un total de 20 linguas indíxenas de México, case unha terceira parte das que aínda existen no país, están en perigo inminente de extinción", advirte Sylvia del Valle, profesora do centro.

"Ante o desacougante panorama que viven as linguas indíxenas formulámonos utilizar Internet como plataforma de difusión barata e accesíbel"

Software indíxena
"Ante este desacougante panorama formulámonos utilizar Internet como plataforma de difusión barata e accesíbel. creamos un campus virtual onde os estudantes interesados poden aprender linguas como o cucapá, o seri, o kikapu ou o aguacateco, todos idiomas que corren perigo de desaparecer ante a falta de usuarios e o seu desprazamento polo uso do castelán", engade.

"Entre os estudantes recollemos documentación da gramática e o alfabeto destas linguas que colgamos no campus e realizamos entrevistas online a persoas da terceira idade, que son as que xogan o papel de mestres activos de ditos dialectos", explica Del Valle.

Ante o aumento da sensibilidade para a protección das linguas indíxenas e o incremento de páxinas webs, foros e recursos online sobre estes idiomas, algúns sistemas operativos comezaron a lanzar as súas versións en idiomas como o kichua ou o guaraní.

Microsoft conta con traducións a varias linguas indíxenas dos seus programas máis importantes. "Isto permite que millóns de persoas kichua-falantes de América Latina accedan á tecnoloxía no seu idioma e cultura e poidan difundila en todo o mundo para alcanzar o máximo do seu potencial", afirmou Juan Alberto González, director de Microsoft para a rexión andina de Perú.

Unha iniciativa similar levouse a cabo en Canadá, onde a empresa Web Networks xerou un software libre que ofrece a posibilidade de crear páxinas online en inuktitut (unha lingua aborixe de Canadá), ademais de lle dar á comunidade inuit a oportunidade de publicar textos en liña na súa lingua natal.

Planeta políglota
Das case 7.000 linguas que existen no planeta, entre 4.000 e 5.000 están clasificadas como indíxenas, segundo estudos de Darrell Addison Posey, profesor da Universidade de Oxford e galardoado polas Nacións Unidas co premio cultural 'Global 500'.

O maior número de idiomas fálase en Papua Nova Guinea, onde se distinguen 847 linguas diferentes. Séguenlle Indonesia con 655, Nixeria con 376, India con 309, Australia con 261, México con 230, Camerún con 201, Brasil con 185 e Zaire con 158.

As linguas máis ameazadas son aquelas con menos de mil falantes. Máis de mil idiomas son falados por entre 101 e mil persoas. Outros 553 son falados por apenas 100 persoas ou menos.

Segundo o estudo de Posey, 234 linguas morreron nos últimos 15 anos. E algúns investigadores calculan que nos próximos cen anos o 90% dos idiomas do mundo se extinguirán ou estarán por se extinguir.

Das case 7.000 linguas que existen no planeta, entre 4.000 e 5.000 están clasificadas como indíxenasA UNESCO tamén advertiu que a metade das linguas existentes no mundo podería perderse dentro de "poucas xeracións", debido a presións culturais e económicas.

O organismo difundirá despois do verán un amplo estudo sobre as linguas indíxenas de Asia e América Latina, co que aspiran a chamar a atención sobre o fenómeno.

Desde 1999 e por iniciativa da UNESCO, cada 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Indíxena. Ademais, existen acordos no sistema da ONU, como a Declaración Universal sobre a Diversidade Cultural e o seu Proxecto de Acción, de 2001, e a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, de 2003.

Tamén está a Recomendación sobre a Promoción e o Uso do Plurilingüismo e o Acceso Universal ao Ciberespacio, de 2003, e a Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, de 2005.


Canal Solidario


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: