Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Entre o 14 e o 16 de agosto

Tres días para descubrir esa Bos Aires galega

Organizadas conxuntamente por institucións oficiais de Galiza e da Arxentina, foron anunciadas as Xornadas Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado y presente, que terán lugar no Río da Prata.

Débora Campos - 10:07 26/06/2007
Manzana de las luces

Manzana de las luces

Entre o 14 e o 16 de agosto, terán lugar na capital da Arxentina as Xornadas Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado y presente das que participarán destacados académicos galegos e arxentinos, persoeiros da cultura, funcionarios e protagonistas da diáspora de Galiza. Os historiadores Xosé Manuel Núñez Seixas e Pilar Cagiao Vila, os escritores María Rosa Lojo e Francisco X. Fernández Naval e o lendario Antonio Pérez-Prado son só algúns dos nomes aos que convida o programa.

"As xornadas forman parte dunha serie de actividades que rematarán coas celebracións do Bicentenario da Revolución de Mayo cun Congreso Internacional sobre as migracións do primeiro e segundo Centenario", explicaron os responsables.

Os tres días de relatorios foron organizados pola Academia de Historia da Cidade de Bos Aires, o Instituto Histórico da Cidade de Bos Aires, e a Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural da Cidade de Bos Aires, ademais dos responsables polo festexo do Bicentenario. Ademais, colaborarán con elas o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Fundación Xeito Novo e o Instituto de Investigacións Históricas do Museo Roca.

Da mesa "La inmigración gallega en Buenos Aires en el contexto de la inmigración europea de masas" participarán os historiadores arxentinos Fernando Devoto, María Liliana Da Orden e Nadia De Cristóforis. Na que falará sobre a "Inserción socioprofesional de los gallegos en Buenos Aires" poderá escoitarse aos académicos Xosé Manoel Núñez Seixas, Ruy Farías, Andrea Reguera e tamén a Xesús Mira Moure.

Mulleres na emigración

Unha mesa dedicada ás mulleres contará coas presentacións da historiadora Pilar Cagiao Vila, de Manuel González e da compostelá emigrante con seis anos María Rosa Iglesias. Cando o tema sexan os galegos no "Imaginario social y literario porteño", será a quenda da escritora e académica María Rosa Lojo; da investigadora Marina Guidotti; do célebre e querido Antonio Pérez-Prado; e do Subdirector de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, Francisco X. Fernández Naval.

Haberá tamén sitio para o presente nas ponencias do profesor Carlos Rodríguez Brandeiro, da licenciada en Letras Andrea Cobas, do fundador de Xeito Novo Carlos Fernández e do profesor Adolfo Lozano Bravo. E as xornadas non rematarán sen a posibilidade de escoitar ao historiador Hernán Díaz; ao titular do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e ao poeta Rodolfo Alonso, entre moitas outras participacións.Cada día, as actividades académicas rematarán coa actuación de grupos artísticos galegos e nas Xornadas vai ser presentada a reedición conxunta da Editorial Corregidor e da Xunta de Galiza do célebre libro de Antonio Pérez-Prado Los gallegos y Buenos Aires.


3,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: