Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A unha semana da decisión

O Fervedoiro propón a Xohán Xesús González para as Letras 2008

A nomes como o de Lois Pereiro, Xosé María Álvarez Blázquez ou Carvalho Calero engádese agora unha nova suxestión á RAG, que en breve escollerá ao autor ou autora homenaxeado.

Redacción - 12:05 27/06/2007
Xohán Xesús González

Xohán Xesús González

A Asociación Cultural O Fervedoiro remitiulle esta petición á Real Academia Galega (RAG), afirmando que "a súa produción literaria e a súa actividade intelectual fano máis ca merecente desta honra". Varios veciños de Cuntis asinaran xa nunha lista para darlle a unha rúa o nome do canteiro e intelectual de Sebil. Logo de conseguíreno, o 20 de xullo do ano pasado rexistraron no concello compostelán unha proposta para que unha rúa da capital galega reciba tamén o nome do autor.

Xohán Xesús González nacera nunha familia labrega no 1895, na parroquia de Sebil, en Cuntis. Traballou como canteiro e no agro, até que foi estudar á Escola Normal, en Compostela, para se facer mestre. Aos 30 anos fixera tamén a carreira de Dereito, e comeza a colaborar con xornais galegos e da emigración. Mesmo fundou "El País Gallego" e "Amañecer", e tentou crear a Asociación de Prensa de Santiago con outros xornalistas.

Entre a súa obra literaria, figuran o poemario Agarimos: versos da y-alma (1921), as obras teatrais Carmiña e Felisa e Isaura no quiso pecar, ademais doutros títulos inéditos e non representados, e as novelas Ana María (Lar 1925), A filla da Patrona (Lar 1926) e A modelo de Paco Asorey (Nós 1933). Ademais publicou os ensaios Hacia una morfología de la vida gallega, O romanticismo de mañán, En pé campesiños e Regionalismo Nacionalismo Separatismo, fundou a libraría e editorial Niké, a finais dos anos 20, xunto con Arturo Cuadrado Moure, asinou a constitución da Asociación de Escritores Gallegos, e creou a Agrupación al Servicio de la Autornomía (1934).

Militou no PSOE e foi activista sindical da UXT, ademais de fundar Agrupación Nazonalista Compostelana (1931), Unión Socialista Gallega (e o Seminario de Estudios Socialistas, en 1932), Izquierda Republicana (1934) e a Vanguardia de Izquierda Republicana (1935). Foi asasinado polos fascistas o 12 de setembro de 1936.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: