Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O 50% das materias en galego

Apróbase o Decreto de promoción do galego no ensino

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto que desenvolve a Lei de normalización lingüística, polo cal o alumnado ten que rematar cada tramo educativo coa mesma competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais.

Redacción - 14:51 28/06/2007

No ensino de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua galega e literatura
e lingua castelá e literatura, usarán as respectivas linguas profesorado e alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.

Infantil e primaria


Por etapas, na educación infantil o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá.

En toda a etapa da educación primaria, o alumnado recibirá cando menos o 50% da docencia en galego, por medio de tres materias: matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e os dereitos humanos.

Secundaria e ensino de persoas adultas


En educación secundaria obrigatoria (ESO), impartiranse en galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro, ambas as dúas materias se impartirán en galego. Ademais, o claustro completará o número de materias, excluída aquela que a LOE determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan que como mínimo o cincuenta por cento da docencia se imparta en galego.

E por último, no bacharelato, o alumnado recibirá tamén a metade da docencia en galego. Na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, logo de escoitar os departamentos correspondentes, pero sempre supoñendo que o alumnado recibirá a metade da docencia en galego. Ademais, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

No ensino de persoas adultas, nos niveis I e II impartirase tamén a metade das materias en galego; no nivel III, correspondente á ESO, e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas. Neste sentido, establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galiza, que abranguiría formación lingüística e coñecementos históricos e socioculturais de cara a facilitar a súa integración.

Proxecto educativo

Cada centro, dentro do proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico: nel constarán as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos aos que veñen determinados na nova normativa, as medidas de apoio e reforzo necesarias, os criterios para determinar a lingua predominante do contorno; e as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan nesa lingua. Este proxecto será redactado por unha comisión do profesorado do centro designada polo equipo directivo, e aprobado e avaliado polo consello escolar.

A Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación, coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.

Equipos de normalización lingüística e formación específica nos centros dependentes de Educación

A nova norma prevé que nos centros dependentes da Consellería de Educación se constitúa un equipo de normalización e dinamización lingüística formado por profesorado, persoal non docente, e representantes do alumnado, quitando infantil e primaria. Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá un plan de formación para o persoal dos centros educativos, de xeito que lles achegue coñecemento de sociolingüística galega e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e desenvolver a
súa actividade profesional en galego. E o persoal seleccionado para a docencia recibirá formación específica de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: