Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PUNTOGAL PARTICIPOU NO CUMIO DESTA ORGANIZACIÓN

A ICANN ve con bos ollos os dominios lingüísticos

O bo funcionamento do ".cat" aumenta as posiblidades de que se aproben dominios para as linguas, como é o caso do ".gal" para o galego

Redacción - 12:58 02/07/2007

Uns 800 expertos de 90 países participaron no 29º Congreso da Corporación de Internet para os Nomes e Números Asignados (Icann) en Porto Rico, no que exploraron a posibilidade de crear novos dominios, proceso que a Icann mantén pechado dende hai varios anos.

Durante a reunión da Icann que rematou o venres discutiuse, entre outros temas, sobre os dominios linguísticos e culturais. Ese é o caso do ".gal" , a iniciativa que busca un identificador para a comunidade lingüística e cultural galega.

Pode haber unha convocatoria en 2008
Unha representación de Puntogal participou na xuntanza, á espera de que a ICANN lance unha convocatoria. A ICANN non comunicou de forma oficial cando vai abrir a porta a propostas de novos dominios, pero baralla a posibilidade de facelo no verán de 2008.

O único dominio cultural autorizado é o ".cat" , que entrou en funcionamento en febreiro de 2006. nun ano o Puntcat logrou máis de 30.000 dominios e por iso ICANN considérao un bo exemplo, xa que tampouco creou conflitos de rexistros abusivos nin con marcas.

A Porto Rico acudiron representantes doutras inciativas, como o
".lat" que busca identificar recursos de interese específico para a comunidade latina. O responsábel de rexistros de nomes de dominios en Porto Rico, Óscar Moreno, director do NIC.PR (Network Information Center de Porto Rico) explica "non é tan doado" crear dominios como o ".lat", que deberían ser solicitados polos diferentes países, algo que non sucede cos lingüísticos como o Puntogal.

Unha ONG que controla os dominios
Desde 1998 a Icann encárgase de distribuír as direccións numéricas do protocolo de internet (IP) , que é o que identifica a cada computadora na rede, e de administrar o sistema de nomes de dominio tanto xenéricos (".com", ".org") como de códigos do estado (".pr", ".es") , entre outras funcións. Por exemplo, recentemente rexeitou a creación do ".xxx" para páxinas pornográficas.

Estas funcións foron delegadas polos Estados Unidos na ICANN, unha organización privada sen fins de lucro organizada en cinco rexións globais e que ealiza tres reunións anuais en diferentes puntos do planeta.

Dominios con carecteres noutras linguas
Na reunión que se celebrou en San Xoán de Porto Rico avaliouse seguir introducindo caracteres específicos de idiomas diferentes do inglés, como sería o caso da letra "ñ" para o español. Razóns técnicas impedían ata hai pouco usalos, pero a ICANN traballa agora no rexistro de dominios en outros alfabetos, como o árabe.

Outro dos puntos interesantes do congreso, explicou Moreno, foi a creación de estratexias para evitar que se repita "o escándalo" do rexistrador de dominios "RegisterFly" , que non proveu o servizo prometido a miles de clientes.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: